Un árbitro é un pacificador para as familias en conflito

Pontevedra
27 de outubro 2014

Ciencias da Educación e do Deporte inicia unha semana de formación centrada na mediación. Alternativas ao "exceso de xudicialización" no dereito de familia

Isabel Bonilla, Montse Tur e Carmen Varela son as tres relatoras da primeira xornada
Isabel Bonilla, Montse Tur e Carmen Varela son as tres relatoras da primeira xornada / Universidade de Vigo

Un proceso de separación ou divorcio pode rematar converténdose nunha fonte continua de conflitos nos que os menores se ven implicados de xeito directo. De aí a importancia de implantar fórmulas alternativas "ao enfrontamento xudicial como a medicación, que posibilita seguir mantendo unha relación de coparentalidade trala ruptura da parella ", como salienta a decana de Ciencias da Educación e do Deporte.

Francisca Fariña é a directora das Xornadas de Formación en Mediación Familiar e Dereito Colaborativo, coas que este luns deu inicio unha semana dedicada á resolución pacífica de conflitos e ás "vías alternativas ao enfrontamento xudicial " neste centro do campus.

Fíxoo coa primeira edición dunhas xornadas dirixidas tanto ao alumnado como a profesionais de ámbitos como o dereito, a psicoloxía ou o traballo social, nas que participaron as avogadas Carmen Varela, directiva do Instituto Internacional de Dereito e Mediación e Isabel Bonilla, membro da Xunta Directiva da Asociación Española de avogados de Familia (Aeafa), e á tamén letrada e mediadora Montse Tur. Tres expertas que coincidiron á hora de denunciar o "exceso de xudicialización como un dos problemas fundamentais o dereito de familia".

UNHA FIGURA "PACIFICADORA " A IMPLANTAR

O coordinador parental, unha "figura importante para a pacificación dos conflitos de familia, que aínda non está regulada no ordenamento xurídico español", centrou a intervención de Isabel Bonilla, que afondou no traballo que podería desempeñar un profesional que xa existe en países como Estados Unidos.

Trátase, relatou, dunha "persoa experta en conflitos de coparentalidade" que traballa "na normalización das relacións, algo fundamental cando hai nenos de por medio" e que desenvolvería o seu labor no momento da execución dunha sentencia xudicial.

Neste senso, a representante de Aeafa incidiu en que este coordinador tería "unhas pequenas facultades de árbitro" en determinadas cuestións vinculadas cun proceso de separación, co obxectivo de que evitar de que un divorcio se vexa sucedido "de novos xuízos ou denuncias penais".

O seu labor centraríase en tratar de resolver as diferencias que poidan existir entre os proxenitores sobre aspectos como o réxime de visitas, o cambio de colexio dos menores ou as viaxes dos nenos. Non sería pois, un profesional ao que se atribuirían "as funcións propias dun xuíz", senón que o seu traballo viría marcado por este, "que podería incluír na execución da sentencia a necesidade da súa intervención por un tempo determinado e cunhas funcións determinadas".

A este respecto, Bonilla subliñou que "os nenos van seguir sufrindo o conflito despois da sentencia" e incidiu na necesidade de contar profesionais que contribúan a "mudar unha relación deteriorada por outra baseada no respecto mutuo", rachando coa dinámica de que, nun proceso xudicial, "ten que haber vencedores e vencidos".