Un ano sen lecer nocturno en Pontevedra: os primeiros en pechar, os últimos en abrir

Pontevedra
12 de marzo 2021

O 12 de marzo do 2020 a maior parte dos empresarios do lecer nocturno de Pontevedra decidiron pechar as súas portas de forma voluntaria para frear o avance do coronavirus. Un ano despois, o peche xa non é voluntario, é forzoso. O sector está ao bordo da ruína, segue pagando todos os impostos, sente sinalado como culpable pola sociedade e esixe ao Goberno unha indemnización

Empresarios do lecer nocturno de Pontevedra reunidos por PontevedraViva para pedir axuda despois dun ano de peche
Empresarios do lecer nocturno de Pontevedra reunidos por PontevedraViva para pedir axuda despois dun ano de peche / Mónica Patxot

Non están todos os que son porque moitos xa se quedaron polo camiño. Este venres 12 de marzo cúmprese un ano desde que, ante o avance da pandemia e a inacción dos gobernos, os empresarios do lecer nocturno pontevedrés decidiron por vontade propia, responsabilidade e solidariedade pechar as portas dos seus locais. Ninguén pensaba que 365 días despois ían seguir pechadas, coa contas bancarias en números vermellos, as facturas acumulándose e sen horizonte para retomar a actividade.

"Isto é catastrófico. Levamos un ano pechados case sen axudas, con pequenas esmolas. Estamos desamparados e abandonados, necesitamos indemnizacións reais. Só se acordan de nós para pagar. Non falan de nós, non din como imos abrir nin cando nin con que medidas. Parece que o que lles interesa aos nosos gobernantes é que desapareza o lecer nocturno, parecemos os bichos raros que hai que eliminar", resume Daniel Lorenzo, propietario do pub A Pomada e presidente de Hoempo, o sentir xeneralizado deste sector.

Moitos destes empresarios lembran coma se fose onte aquel 12 de marzo do 2020. "Ao principio levabámolo con positivismo porque se esperaba que non fóra por moito tempo. Co paso do tempo volveuse en desesperación e necesidade completa de que se arranxe porque non pode durar máis, levamos un ano e non hai empresa que aguante semellante pau", recoñece Manu Rey, propietario do Pasaxe 2.0.

As consecuencias xa levan meses padecéndoas. Locais como o Lusco Fusco, Bar a Kaldo ou Bruc xa tiveron que baixar o enreixado de forma definitiva. E algúns non tardarán en facelo se a situación segue alongándose. "As axudas non chegan, o mes pasado chegoume a primeira de 490 euros, que non dá para moito. Séguennos cobrando autónomos, lixos, auga... É inviable. Eu teño para aguantar dous ou tres meses máis, se non nos deixan abrir non poderei continuar", recoñece o dono do Groove House.

É o mantemento das obrigacións fiscais e tributarias o que máis queima ao gremio. "Se non me deixan traballar, que non me cobren alugueiros, lixo, auga nin taxas. Que non me dean nada, pero que non me quiten máis", implora Julio Barral, que leva un ano pagando os impostos dos seus tres locais de copas: Aranda, Patrimonio e Fetiche.

A estes locais non só non se lles perdoou nin un só imposto en Pontevedra, senón que moitos arrendadores tampouco rebaixaron o prezo do alugueiro. "Hai propietarios que foron non reticentes, senón nulos, á hora de negociar e tristemente algúns tiveron que pechar", critica Antonio Fernández (Tonete), dono do Moncloa, a falta de empatía dun sector da sociedade cara a un sector tan maltratado como o do lecer nocturno.

E ademais séntense sinalados como responsables dos contaxios. "Paréceme unha vergoña que nos criminalizaran desta maneira", quéixase Víctor Pampín, dono do Banana. O empresario lembra que no verán, cando permitiron a apertura destes locais durante un mes, "fomos o primeiro sector con control de entradas de cada cliente para que, se houbese un contaxio, facer un seguimento". Unha medida que agora a Xunta fai obrigatoria para todo o sector hostaleiro. 

Con todas estas trabas e a falta de esperanza, o desánimo está a facer efecto no empresariado. "Nunca esperabamos que fose tanto tempo pechados. Vaise perdendo ata a ilusión por volver abrir. Penso que nunca máis imos ter un lecer nocturno como o que tiñamos antes, ou non a curto prazo polo menos", confesa César Sánchez, un dos donos do Cielo. "A sensación é de depresión total, non vemos o final do túnel", remarca Koke Araújo, propietario do UFO.

Pero se hai algo que frustra aínda máis a estes traballadores é a xestión das subvencións. Concellos, Deputación, Xunta e Goberno anuncian liñas de axudas millonarias, pero estes fondos non están a chegar ás empresas. "O normal é que nos axuden desde todos os ámbitos do Estado, cun plan común e axudas estables en base a criterios normais", expón Sánchez.

Con todo, "non dan nin para o recibo da luz", lamenta Pampín. "As axudas anunciadas son insuficientes, chegan moi tarde e teñen moita letra pequena. Nin o 40 % dos hostaleiros diúrnos ou nocturnos puideron chegar a elas", engade o expresidente de Hoempo.

A pesar do escuro do panorama, na noite pontevedresa senten que a hora da reapertura está cada vez máis preto. "O Goberno ten que irse plantexando as condicións de apertura na nova normalidade porque o que non poden facer é seguir abrindo e pechando cando se lle antolle", puntualiza Carlos Fontán, propietario de Cervexaría El Bruc.

Neste sentido, os hostaleiros do lecer nocturno están convencidos de que os seus locais saberán estar á altura das circunstancias. De feito, os peores momentos da pandemia producíronse cos bares de copas pechados. "Están a facerse festas ilegais, que mellor que ter á xente nun local controlado?", suxire Julio Barral.

Os empresarios son conscientes de que a reapertura terá que ser gradual e que a rendibilidade dos seus negocios será moito menor. "O futuro vai ser complicado porque necesitamos traballar con aforo 100%. Todo o que non sexa facturar con normalidade vai ser traballar por traballar. Cando abramos haberá limitacións e vai ser bastante complicado", asume Iván Parada, propietario do pub Bazaar. 

"Teño a esperanza de que nos próximos meses déixennos abrir aínda que sexa con limitación e que segundo se vaia inmunizando a xente vaian abrindo a man e podamos volver desenvolver a actividade", sostén con moderado optimismo Javier Mori, dono do Ítaca e do Artic. 

Máis pesimista é Ángel Sorey, o propietario do Abuelita, quen fai fincapé na necesidade dun rescate para insuflar vida ao sector. "O lecer nocturno agora está literalmente morto. Sen indemnización, non poderá reflotarse", asegura o empresario que teme que a normalidade a estes locais non chegue antes de final do 2021. 

Este regreso depende completamende da efectividade das vacinas. "A nosa única expectativa é que sanitariamente vaia todo a mellor para que cando nos permitan abrir que sexa nunhas condicións viables para poder defender a empresa", reza Luís Cambeiro, do Termita. Na mesma liña pronúnciase o seu compañeiro do UFO, "que a vacina funcione e que este verán podamos estar a funcionar aínda que sexa pouquiño a pouco", pide Araújo.

A resposta dos clientes é outra incógnita desta ecuación. "Non sabemos se a xente vai optar por non saír ou saír menos", admite o dono do UFO, aínda que máis seguro móstrase Mori, "a xente ten ganas de volver aos locais, pero hai que ter precaucións", matiza. 

O que é seguro é que a noite pontevedresa non vai a morrer. "Marcamos un estilo, o noso modelo de negocio, cos nosos horarios, ten que seguir", conclúe, desexando longa vida á diversión nas rúas da Boa Vila, Marcos Rivas, o propietario da Sala Karma un dos templos da música en directo e do lecer nocturno pontevedrés.