Un agasallo para cando os nenos da rúa Médico Ballina rematen o confinamento

Pontevedra
14 de abril 2020

Tras o parón motivado pola declaración do estado de alarma, a empresa Bricantel España SL retomou os traballos coa creación dos muros perimetrais de contención da zona de xogos

Obras do parque infantil de Médico Ballina
Obras do parque infantil de Médico Ballina / Concello de Pontevedra

Despois do obrigado parón da actividade motivado pola pandemia do Covid-19, a concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural acaba de reanudar as obras de construción do futuro parque infantil da rúa Médico Ballina.

Os operarios da empresa adxudicataria do proxecto, a firma Bricantel España SL, están a rematar o formigonado dos muros perimetrais de contención da nova área de lecer para nenos, polo que, toda vez que xa se executaron traballos para explanar os terreos, a montaxe dos elementos de xogo podería iniciarse nos vindeiros días.

As obras puxéronse en marcha o pasado 28 de xaneiro, despois de que o Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (Adif) puxese fin a unha farragosa tramitación burocrática derivada do mandato anterior coa apertura dos cadeados que pechaban a parcela, de 1.198 metros cadrados.

O concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes, sinala que, se ben o prego de condicións técnicas establece un prazo de execución máximo de tres meses e, polo tanto, "aínda estariamos incluso dentro do calendario previsto", dadas as circunstancias actuais "haberá que ser flexibles cos prazos".

"Coido que, dado que nestes momentos os nenos non poden saír á rúa nin ir xogar aos parques cos seus amigos e cos seus pais, sería un agasallo espléndido para os veciños de Médico Ballina que o parque estivese completamente rematado e listo para o seu uso cando as medidas de confinamento dos máis pequenos se vaian levantando. Ese é agora o noso obxectivo e trataremos de completalo o antes posible", sostén o socialista.

O proxecto de construción do novo parque infantil suporá un investimento municipal de 157.520 euros e estase a desenvolver nunha parcela cedida pola Adif e situada na pasarela sobre as vías do ferrocarril (na marxe dereita da estrada, en dirección Pontevedra-Santiago).