Un acto público e unha festa chea de música e animación para brindar polo premio ONU-Hábitat

04 de marzo 2015

O Concello de Pontevedra está a ultimar os detalles dunha programación coa que se pretende festexar con todos os pontevedreses este galardón internacional ao modelo de cidade. Será cun acto público que se celebrará este xoves 5 de marzo no Teatro Principal e cunha festa na rúa que terá lugar na tarde do venres

César Mosquera e Carme da Silva
César Mosquera e Carme da Silva / PontevedraViva

Dous días de festa para celebrar o premio ONU-Hábitat concedido a Pontevedra en Dubái. O Concello de Pontevedra está a ultimar os detalles dunha programación coa que se pretende festexar con todos os pontevedreses este galardón internacional ao modelo de cidade. Será cun acto público que se celebrará este xoves 5 de marzo no Teatro Principal e cunha festa na rúa que terá lugar na tarde do venres.

O acto público do xoves iniciarase ás oito da tarde e contará coas intervencións dos responsables municipais, así como dos socios que formaron parte da candidatura de Pontevedra a estes premios: a Deputación de Pontevedra, a ONCE, a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (Cogami), Stop Accidentes, a Fundación Meniños, a Federación de Asociacións de Veciños Castelao, AEMPE e o Centro Comercial Urbano Zona Monumental.

A todos eles se lles entregará unha réplica do diploma que certifica a concesión deste premio. Ademais, tamén se proxectarán varios videos con referencias aos actos protocolarios que tiveron lugar en Dubái os pasados días 23 e 24 de febreiro, elaborados expresamente para a ocasión e que serán emitidos a través dunha pantalla LED instalada para a ocasión.

A pesar de que estaban invitados, neste acto finalmente non estarán por motivos de axenda nin a ministra de Fomento, Ana Pastor, nin a directora de Tráfico, María Seguí. Tampouco parece probable que acuda o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.

A festa do venres terá lugar en diferentes prazas da cidade e nela tomarán parte varios grupos musicais que teñen unha característica común: ser de Pontevedra. "Se nos dan un premio pola calidade de vida na cidade había que celebralo con grupos de Pontevedra", explicou a concelleira de Festas, Carme da Silva. Especialmente cando "temos unha enorme variedade de grupos e estilos", cos que cubrir unha programación enteira.

Así, dende as 17.30 horas haberá animación itinerante por rúas e prazas a cargo de Roubabicos, Os de Algures, Gaiteiros das Rías Baixas, Olodum do Coio e Troula; e propostas para o público infantil que terán os seus escenarios principais nas prazas da Peregrina e Curros Enríquez. Ademais, esta última acollerá tamén un concerto, a partir das 20.00 horas, do grupo Trepia de música tradicional.

Tamén participarán nestes actos grupos de pop rock do Local de Música. No seu caso, a partir das cinco da tarde, repartiranse entre a Praza da Verdura (Fátima Baña e Leo Rodríguez), a praza de Méndez Núñez (La casa de los ingleses e Soulbreakers) e a praza do Teucro (Champurrada e Flying Carpet).

Por último, o fin de festa terá lugar na praza da Ferrería con actuacións, dende as sete e media da tarde, de Los Antonis, os Coribantes de Buchabad e os Black Stone. Sobre as dez da noite, chegará á praza o espectáculo de animación do grupo Troula, que ofrecerá unha espectacular montaxe de luces, lume e pirotecnia co que Pontevedra despedirá estes festexos.