Un acordo extraxudicial entre as partes implicará a absolución de 'Capi' por agredir un líder de Vox

Pontevedra
25 de xuño 2019

'Capi', de 21 anos e coñecido porque en 2015 agrediu ao entón presidente do Goberno, Mariano Rajoy, en Pontevedra, abonará a Juan Manuel Rosales unha indemnización. Nin el nin a súa vítima compareceron no xuízo previsto para este martes e o fiscal pediu a absolución por falta de probas

Andrés De Vicente, 'Capi', á chegada aos xulgados
Andrés De Vicente, 'Capi', á chegada aos xulgados / Mónica Patxot

Un acordo extraxudicial alcanzado na mañá deste martes nos corredores dos xulgados da Parda permitirá que Andrés De Vicente Fuentes, coñecido como 'Capi', sexa absolto dun delito de lesións leves por agredir ao coordinador provincial de Vox en Pontevedra, Juan Manuel Rosales. 

'Capi', de 21 anos e coñecido porque na campaña das eleccións xerais de 2015 agrediu ao entón presidente do Goberno, Mariano Rajoy, mentres paseaba por Pontevedra, recoñeceu xa desde o principio que o pasado 9 de marzo agrediu a Rosales. Este martes coincidiu con el nos xulgados e volveu achegarse a el, recoñecer o que fixo e pedir perdón. 

Froito dese perdón e dun acordo alcanzado polas dúas partes, este mozo veciño de Pontevedra evitará unha nova condena. Segundo explicou o seu avogado, Evaristo Montoya, trátase dun acordo económico que implicará pagar ao líder de Vox unha indemnización que aínda non se concretou, pero que será inferior a 400 euros. Desta forma, indemnizaralle polos danos causados e recolleitos por un informe forense, pero evitará calquera condena penal. 

Esa condena evitaraa porque o xuízo acabará en absolución. 'Capi' e Rosales acudiron aos xulgados este martes, pero non chegaron a entrar no xuízo porque alcanzaron o citado acordo antes de facelo. Dada a súa incomparecencia, o fiscal do caso, Jesús Cales, non tivo outra opción que pedir a súa absolución "por falta de probas"

A maxistrada titular do Xulgado de Instrución número uno de Pontevedra, Casilda Suárez Berea, deixou o xuízo xa visto para sentenza. O fallo, aínda non ditado, será necesariamente absolutorio porque a única acusación que había era a do fiscal e así o pediu. 

O fiscal explicou que non existen probas neste procedemento e que a única proba que podería haber, que era a do denunciante, non se sostén pola súa incomparecencia. Dado que non compareceu na sala para ratificar esa denuncia, enténdese que desiste da mesma e, por tanto, a única posibilidade que tiña a Fiscalía era pedir a absolución. 

O xuízo estaba previsto para as 11.20 horas da mañá deste martes no Xulgado de Instrución número uno de Pontevedra por un delito de lesións leves, pero finalmente celebrouse pasadas as 13.00 horas. Foi unha vista de apenas un par de minutos coa única intervención do fiscal. 

O denunciado dirixiu aos xornalistas catro palabras froito dos nervios: "Iros a la mierda"

'Capi' compareceu á hora prevista no xulgado visiblmente nervioso e rexeitou facer calquera valoración aos medios de comunicación que lle agardaban. Tan só dirixiu aos xornalistas catro palabras froito dos nervios: "Iros a la mierda". Logo coincidiu dentro do xulgado con Rosales, ao que, segundo o seu avogado, pediu perdón, e acabou abandonando o edificio xudicial dúas horas despois evitando aos medios porque saíu polo xulgado de garda e pediu un taxi. 

Si falou cos medios a súa vítima. Rosales indicou, antes da celebración do xuízo, que lembraba a agresión como "algo muy desagradable". O 9 de marzo pola mañá instalou a súa primeira mesa informativa como coordinador provincial de Vox na cidade e estaba "sonriendo" e "encantado" porque era o seu primeiro acto de pre campaña para as eleccións xerais e porque lle acompañaba un menor que estaba "lleno de ilusión". 

Primeiro chegaron os insultos e logo a agresión. "Era lo que menos esperaba esa mañana", indicou. Tras a agresión, denunciou na Comisaría e, cando estaba alí formalizando a súa denuncia, presentouse 'Capi' coa súa outro avogado, Jorge Cubela. Voluntariamente, recoñeceu que fora el o autor da agresión e mostrou o seu arrepentimento

Segundo explicou Evaristo Montoya, este acordo non afecta á situación procesual previa do seu cliente. Cando agrediu a Rajoy era menor e foi condenado a dous anos de internamento nun centro de menores de réxime pechado que cumpriu integramente en Monte Ledo (Ourense). Esta nova causa é xa por un feito cometido sendo maior e non ten ningunha influencia. A maiores, iso si, cabe lembrar que ten pendente de xuízo outro caso por agredir a un porteiro de discoteca de Pontevedra