O alcalde de Cotobade, Jorge Cubela, convocou aos veciños afectados polos terreos do proxecto de ensanche e mellora da estrada provincial Xesteira-Almofrei para o día 3 de xaneiro na Casa do Pobo, ás 17:15 horas. O proxecto afecta a 136 parcelas.
Tras a visita do presidente da Deputación o pasado mes de xullo a esta parroquia, Cubela comezou a xestionar cos veciños as cesións dos terreos necesarios para poder presentalos na institución provincial e proceder á licitación da Redacción do Proxecto.
Logo de atender ás peticións de acometer algunha modificación no anteproxecto, e tras proceder os técnicos da Deputación a facer un levantamento topográfico do lugar e das cotas, o alcalde convocou persoalmente por carta aos veciños, entregando un modelo de cesión particular a cada parcela, cun croquis da superficie afectada, e os elementos afectados e a repoñer.
Esta vía provincial ten unha lonxitude dun quilómetro e medio, caracterízase pola súa estreiteza, que nalgúns puntos dificulta o cruzamento de dous vehículos, e tamén polas numerosas curvas do seu trazado. Ademais, a capa de rodadura está bastante deteriorada. A estrada dá acceso a unha parroquia cunha poboación de 300 veciños e a dificultade máis importante das que presenta ten que ver cos accesos, que son deficitarios.
Tamén se mellorará a recollida de augas pluviais co obxectivo de garantir a seguridade viaria na zona. Os traballos para o ensanche da plataforma obrigarán a retirar varios muros e peches de propiedades, que despois serán reconstruídos.
Para Almofrei esta inversión supón cumprir cunha demanda histórica dos veciños, "cando se fixera o anterior ensanche moitos veciños non viron cumpridos os compromisos que se acordaran para ceder os terreos".
"Co modelo de cesión que se preparou, parcela a parcela, cada particular terá claro os metros precisos que ten que ceder, así como a reposición dos elementos dos que xa conte cada finca", afirma o Alcalde, que agradeceu o traballo permonorizado que levaron a cabo os técnicos de infraestructuras da Deputación durante estes 3 meses.