Un acordo con Defensa permite crear 30 novas prazas de aparcadoiro na Barriada Virxe do Carme

Marín
09 de xaneiro 2021

O Instituto da Vivenda, Infraestrutura e Equipamento da Defensa (INVIED) cederá o uso temporal de tres parcelas ao Concello de Marín para habilitar áreas de estacionamento disuasorio na Barriada Virxe do Carme. Con esta cesión, poderán crearse prazas de aparcadoiro que darán apoio ao importante tráfico que se xera nesa zona polo centro de saúde

Parcela cedida polo INVIED na Barriada Virxe do Carme
Parcela cedida polo INVIED na Barriada Virxe do Carme / Concello de Marín

O Instituto da Vivenda, Infraestrutura e Equipamento da Defensa (INVIED) cederá o uso temporal de tres parcelas ao Concello de Marín para habilitar áreas de estacionamento disuasorio na Barriada Virxe do Carme. Con esta cesión, poderán crearse preto de 30 novas prazas de aparcadoiro que darán apoio ao importante tráfico que se xera nesa zona polo centro de saúde.

A alcaldesa de Marín, María Ramallo, e o concelleiro de Urbanismo, Manuel Santos, anunciaron o acordo este sábado e explicaron que se chegou ao mesmo despois de realizar en varias ocasións a petición ao INVIED. O acordo final asinárono o director xerente do organismo e a alcaldesa de Marín .

Dúas das parcelas están ubicadas dentro da propia barriada e a terceira está fronte á entrada principal do centro de saúde. As tres atópanse actualmente sen uso.

Segundo o acordo firmado, esta cesión por parte do INVIED é de balde e será dun ano, prorrogable ata seis.

O Concello será o encargado de asumir os gastos de acondicionamento, conservación e limpeza que as parcelas requiran.

A alcaldesa indicou que é unha "boa nova", xa que esta cesión permitirá que se xestione mellor os fluxos de tráfico e estacionamento nunha zona na que a densidade de movemento é elevada pola propia actividade do centro de saúde.

Manuel Santos destacou o "importante traballo" que se está a realizar desde o Goberno local para tratar de conseguir novos espazos de estacionamento disuasorio por todos os puntos do centro urbano, que permitan deixar o coche nun espazo seguro, cómodo e a apenas uns minutos das principais rúas da vila.