Un 1 de maio "especial" pola "confrontación" política, que CCOO pide rebaixar para que "se sitúe en primeiro plano" a defensa da clase obreira

Pontevedra
01 de maio 2024

Por segundo ano, CCOO e UgT manifestáronse por separado. José Luis García Pedrosa recoñeceu que é "evidente" que "na comarca de Pontevedra non se corresponde en xeral  a participación co nivel de representatividade que temos os sindicatos". A pesar de haber moita afiliación, non se traduce en asistencia ás manifestacións

Manifestación de CCOO polo Día Internacional do Traballo 2024
Manifestación de CCOO polo Día Internacional do Traballo 2024 / Cristina Saiz

A situación política actual en España, marcada pola "confrontación", fai que este 1 de maio, Día Internacional do Traballo, sexa "especial". Así o sostén José Luis García Pedrosa, secretario de organización de CCOO comarcal en Pontevedra, que cre que ese contexto marca as reivindicacións laborais e demanda un cambio. 

Pedrosa sostén que "como sindicato, entendemos que hai que tentar que se normalice a vida política" e que é preciso que "quen foi elixidos para mellorar as condicións de vida da cidadanía se dediquen e se centren niso", rebaixando a confrontación.

Para o secretario de organización de CCOO, é preciso que esa confrontación "pase a un segundo plano" e "se sitúe no primeiro plano" unha actividade parlamentaria centrada en "mellorar as condicións da cidadanía. e da clase obreira".

No relativo á clase obreira, Pedrosa sostén que "hai cuestións importantes que se poden resolver precisamente no Parlamento", tales como "regular mellor as condicións de traballo tanto daqueles que teñen traballo como daqueles que non teñen", con melloras nas prestacións de desemprego. Así, lembra á clase política que esas cuestións non as poden resolver os sindicatos na negociación colectiva, senón que teñen que facelo o Goberno e a oposición. 

Así por exemplo, destaca a necesidade de modificar o marco lexislativo dos contratos fixos descontinuos, pois actualmente en España hai "un nivel de ocupación moi importante", pero "unha parte desa ocupación é a tempo parcial e"non porque as traballadoras e os traballadores queiran ese tipo de contratos". 

Por segundo ano consecutivo, CCOO manifestouse en solitario polas rúas de Pontevedra, tras romper a alianza que cada 1 de maio adoita unir a este sindicato e a UgT no resto de España. Sen o apoio doutras siglas, afiliados e simpatizantes percorreron as rúas da cidade entre as prazas do Hospital e Pedreira demandando pleno emprego, mellores salarios e industria na comarca

A participación foi maior na manifestación de CCOO que na de UGT e simular á de 2023 a pesar da choiva que caeu durante toda a xornada, pero Pedrosa recoñeceu que é "evidente" que "na comarca de Pontevedra non se corresponde en xeral  a participación co nivel de representatividade que temos os sindicatos". Así, a pesar de haber moita afiliación, non se traduce en asistencia ás manifestacións.

Así, sinala que a conflitividade laboral "céntrase no conflito concreto e non se dá ese paso para facer unha protesta colectiva", centrado cada colectivo nos seus problemas concretos sen preocuparse da conciencia colectiva de clase. É, para Pedrosa, "algo no que que os sindicatos nos temos que empregar a fondo".