Último impulso ás obras de construción do novo centro de saúde de Marín

Marín
16 de febreiro 2016

Os traballos, que está previsto acaben na primavera, atópanse moi avanzados, o que permitiu realizar unha visita polo seu interior aos responsables do Sergas, Concello e Xunta de Galicia

Visita ás obras do Centro de Saúde de Marín
Visita ás obras do Centro de Saúde de Marín / Concello de Marín

O bo ritmo nas obras de construción do novo centro de saúde de Marín, que está previsto rematen na primavera, permitiu que técnicos e responsables políticos de Sergas, Concello e Xunta realizasen este martes unha visita polo interior das instalacións.

Coa parte exterior do Punto de Atención Continuada (PAC) case terminadas, a visita dirixiuse cara ao semisótano onde se situará a fisioterapia, a planta baixa co hall de entrada e as consultas de toma de mostras e pediatría e a primeira planta, onde estarán as consultas médicas e enfermaría de atención primaria, a sala de matronas e radioloxía.

Na visita estiveron presentes, entre outros, o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, ou a alcaldesa de Marín, María Ramallo, ademais de representantes de Sergas e empresa construtora. Entre outros asuntos, tratouse de coordinar coa dirección de obra a compra do material e equipamento necesario para a súa pronta instalación.

O novo centro de saúde de Marín terá unha superficie asistencial de preto de 3.800 metros cadrados e a súa construción conta cun investimento de máis de 5,2 millóns de euros