A Unidade de Cultura Científica e da Innovación (UCC+i) da Universidade de Vigo organiza este mércores 24 de maio as Xornadas da Creatividade e a Innovación, un evento para afondar en como a través da investigación, da innovación e do pensamento creativo multidisciplinar é posible construír un futuro máis sostible.
Co gallo do pasado Día Mundial da Creatividade e da Innovación, cinco investigadoras da Universidade de Vigo serán as protagonistas dunha actividade que se desenvolverá entre as 18.30 e as 20.30 horas na Casa das Campás, a sede da vicerreitoría do campus de Pontevedra.
A través conferencias e faladoiros, a xornada porá o foco nas fontes de financiamento europeo para o desenvolvemento de proxectos centrados na sostenibilidade, no impacto ambiental da investigación e en como a innovación permite xerar alternativas a procesos ata o de agora contaminantes.
Encadrado no marco do programa de divulgación científica Ciencia de ida e volta, que a UVigo desenvolve co financiamento da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT), este evento é aberto ao público, con carácter gratuíto e inscrición previa ata completar a capacidade da sala.
PROGRAMA
A xornada abrirase cun relatorio de Eva Garea, directora da Área de Proxectos Internacionais de Educación, titulada Creatividade e innovación na captación de fondos europeos para construír sociedades máis sostibles. Como explican desde a UCC+i, esta conferencia centrarase no traballo que desenvolve a Oficina de Proxectos Internacionais da UVigo "en relación coa identificación de fontes de financiamento da Unión Europea e o apoio a toda a comunidade universitaria para deseñar e levar a cabo proxectos innovadores en terceiros países que contribúan á súa sostibilidade".
A actividade continuará co faladoiro A investigación sostible do futuro, no que interveñen Carla Cameselle, María Dolores Torres e Noelia Flórez, do grupo de investigación en Biomasa e Desenvolvemento Sostible da UVigo, pertencente ao centro de investigacións CINBIO. A súa intervención estará centrada, como sinalan desde a UCC+i, na "problemática do impacto ambiental na investigación e a necesidade de utilizar tecnoloxías máis sostibles para reducilo".
Con esa idea, presentarán diferentes tecnoloxías verdes e as súas posibles aplicacións, á vez que que reflexionarán sobre "o papel da tecnoloxía para axudar a crear un futuro máis sostible e sobre como a adopción de tecnoloxías verdes pode mellorar a eficiencia e reducir os residuos" nos procesos investigadores.
A xornada do mércores 24 de maio pecharase coa conferencia Residuos agroindustriais: unha segunda vida como absorbentes de contaminantes ou catalizadores para a xeración de combustibles, a cargo de Aida María Díez, do grupo de Bioenxeñería e Procesos Sostibles (BIOSUV), pertencente ao CINTECX. Díez Sarabia abordará na súa intervención dúas das liñas de traballo deste grupo, a centrada nos "procesos de absorción", co uso de materiais porosos para reter elementos contaminantes que poidan atoparse en augas residuais, e a dedicada os "procesos de xeración de hidróxeno", centrados na rotura da electroquímica da auga para producir este combustible non contaminante.
En ambos casos, explican desde a UCC+i, o grupo busca que estes materiais "teñan base de carbono e nitróxeno" e sexan libres de metais, coa idea de reducir a contaminación asociada a estes. Deste xeito, este terceiro relatorio buscará incidir en como a innovación permite "que procesos tradicionais altamente contaminantes poidan reinventarse e ser máis eficientes e sostibles".