Este martes 25 de abril ás 00:00 horas finaliza o prazo para votar a Campo Lameiro como Capital do Turismo Rural no concurso nacional do portal turístico especializado EscapadaRural.
Esta localidade foi seleccionada o 23 de marzo polos expertos do portal turístico de entre 200 concellos de toda España, sendo un dos 10 finalistas.
O municipio pontevedrés é o único de toda Galicia presente na fase final da competición.
O alcalde de Campo Lameiro, Carlos Costa, expón que independentemente do resultado,"nós xa gañamos polo mero feito das simpatías que levantamos en todo o país cara Campo Lameiro e pola promoción que se fixo non só do noso pobo, do noso extenso e rico patrimonio arqueolóxico, a nosa gastronomía as nosas paisaxes, ríos, tesouros etnográficos, lendas e historia senón porque fumos quen de divulgar unha imaxe amable e acolledora da nosa xente", destaca Costa.
As persoas interesadas en apoiar a Campo Lameiro deben enviar o seu voto a través da páxina web de EscapadaRural.
O resultado do concurso coñecerase o 27 de abril.