Ás 19.22 horas deste luns vai pecharse a poxa aberta por Kiko da Silva na web Todocolección para optar a conseguir a ilustración orixinal do loro Ravacholque este ano constitúe o cartel do Entroido pontevedrés.
A obra é unha reinterpretación do traballo 'Comedian', do artista italiano Maurizio Cattelan, que se converteu nun fenómeno mundial ao amosar un plátano a unha parede con cinta americana na exposición Art Basel de Miami. A obra foi adquirida por 120.000 dólares, ao redor de 108.000 euros.
Tras comprobar o éxito dese traballo e aproveitando o carácter irónico e, ao mesmo tempo, solidario do Entroido pontevedrés, Kiko da Silva decidiu facer unha poxa da súa obra en Internet co obxectivo de que os fondos recadados se destinen ao grupo de Xenes e Enfermidades do Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da Universidade de Santiago de Compostela, que dirixe o doutor José manuel Castro Tubío, que logrou importantes avances científicos nos últimos anos para detectar tumores de cancro grazas ao estudo do ADN.
A falta de 10 horas para o peche da poxa, os principais interesados na adquisición, dúas librerías da cidade, móvense ao redor de 300 euros.
POLÉMICA POLA CRÍTICA DO PARTIDO POPULAR
Kiko da Silva indicou nas últimas horas que, aos cartos que recade por esta ilustración na poxa, tamén vai sumar os 4.400 euros cos que o Concello de Pontevedra pagou a realización desta obra para o cartel do Entroido.
Con esta decisión, o autor responde ás acusacións do Partido Popular de Pontevedra que, a través do seu portavoz Rafa Domínguez, denuncia a "falta de transparencia" na adxudicación de contratos municipais reclamando un concurso público para a elaboración do cartel destas festas.
Os populares critican que se escollera "a dedo" a Kiko da Silva para a elaboración deste traballo cando o ilustrador figuraba no cuarto posto das listaxes do BNG ao Congreso dos Deputados. "O BNG ten que escoller entre dar traballos de maneira inxusta aos seus amigos ou democratizar as eleccións que toma este Concello", afirma Rafa Domínguez.
Pola súa parte, Kiko da Silva respondía en redes sociais que o PP intenta desprestixiar o traballo profesional dun creador autónomo, non afiliado, só porque apoiou a candidatura do BNG ás eleccións xerais. Lembra que calquera que se dedique ao deseño gráfico sabe que o pagamento de 4.400 euros non é só por un cartel senón por toda a campaña, con dous carteis, banners para prensa, adaptacións de anuncios, deseño e ilustración do programa completo e deseño de mupings para a rúa.
Para Da Silva a crítica do PP é un acto "vil e denunciable" e lembra que en Marín, onde gobernan os populares, lle encargaron "a dedo", segundo a postura de Rafa Domínguez, unha campaña de "banda deseñada" na rúa que se realizou sen concurso público e sen críticas por parte dos partidos políticos.