Ultiman un investimento de 250.000 euros para a reurbanización da Rúa da Presiña (Cuntis)

Umia
24 de abril 2015

O fin principal deste proxecto é o de mellorar os servizos de saneamento desta céntrica rúa xa que o estado que presentan estes é altamente deficitario

Antiga casa consistorial de Cuntis
Antiga casa consistorial de Cuntis /

O Concello de Cuntis, unha vez recibida a tan ansiada autorización de Patrimonio, inicia os trámites para a adxudicación das obras de urbanización da Rúa da Presiña. O proxecto foi redactado xa no ano 2014 pola empresa Inor, a mesma que xa realizou o proxecto da rúa Bernardo Sagasta. Está valorado en 250.000 euros.

O fin principal deste proxecto é o de mellorar os servizos de saneamento desta céntrica rúa xa que o estado que presentan estes é altamente deficitario.

Ademais do saneamento, realizaranse obras de asfaltado e pavimentación das beirarrúas existentes cuxo estado é bastante lamentable. Ao final das obras o grupo de goberno cre que a imaxe da rúa se verá realmente cambiada e acorde co século en que vivimos.

A rúa verá tamén a súa imaxe modificada tras a posta en valor da antiga casa consistorial, en mans privadas dende finais dos anos 70 e cuxa compra será financiada, ao igual que a súa remodelación pola Deputación de Pontevedra.

A actual biblioteca municipal faise pequena e necesita aumentarse polo cual será este novo edificio o que albergará a actual sala de conferencias que ao seu ver pasará a acoller unha ludoteca infantil e a oficina municipal de turismo. Tamén se crearán aulas para a actual escola municipal de idiomas que neste momento comparte espazo co alumnado da Escola de Música.