Sanxenxo está a ultimar os expedientes de licitación das obras de reforma do Pavillón de Vilalonga e de rehabilitación da Casa do Priorado para convertela nun centro de formación de oficios tradicionais. Así o asegurou o concelleiro de Obras, Tino Sanmartín, quen adiantou tamén que se están a preparar os concursos para contratar os traballos para acondicionar o aparcadoiro da Casa de Cultura de Dorrón e dun camiño en Montalvo.
O goberno municipal pretende, pois, emendar as deficiencias que presenta o Pavillón de Vilalonga para garantir o correcto uso destas instalacións deportivas. Esta intervención precisará un investimento superior aos 128.000 euros, que será financiada a través do Plan Provincial de Obras e Servizos.
O lucernario existente sobre a pista está totalmente deteriorado, provocando filtracións de auga, ao igual que as terrazas planas e as cubertas sobre os vestiarios. Ademais, o equipamento presenta outras carencias como a rotura de instalacións eléctricas, azulexados, linteis e canos dos ventanais en mal estado, deterioración da pintura da estrutura e das paredes, das diferentes portas interiores e do acceso.
O proxecto contempla que as reparacións a realizar se empregarán materiais análogos aos existentes, con lucernario de policarbonato curvo alveolar, incoloro opal de 20 milímetros de espesor; cubertas de chapa de aceiro galvanizado nas zonas de terrazas e con illamento interior; e caneiros e remates de encontros e petos. Tamén se limparán os muros e pintaranse as zonas de bloque de cara vista.
Pola súa banda, na recuperación da Casa do Priorado investiranse 190.579 euros, cos que se acometerá a primeira fase desta actuación, consistente na restauración tanto a cuberta coma os muros de fábrica do cerramento das distintas edificacións.
Outra das accións que sairá a concurso nos próximos días será a pavimentación da explanada utilizada ata o momento para o servizo de aparcadoiro da Casa de Cultura de Dorrón, que pasará a contar cunha capa de rodadura e servizo de recollida de augas pluviais tras o investimento de 39.567 euros. Por último, a pavimentación dun camiño de Montalvo (Noalla) dedicarase un total de 41.728 euros.