A candidatura do BNG de Pontevedra ás eleccións municipais do próximo 26 de maio sentouse este venres a respirar, analizar e tomar forzas de cara á inminente campaña electoral. Os integrantes da lista que encabeza o alcalde e candidato á reelección, Miguel Anxo Fernández Lores, entre outras medidas, déronlle o visto bo ao programa electoral, que se fará público en cuestión de días.
A reunión celebrouse na sede local da organización política e serviu para abordar as liñas mestras sobre as que xirará a campaña electoral de cara ao vindeiro 26 de maio e para unha posta en común antes da intensa actividade na que se meterá o equipo nos vindeiros 20 días.
O programa electoral elaborouno un equipo de persoas da candidatura durante as últimas semanas e, unha vez rematado, púxose en común e supervisouse. Na reunión deste venres tamén se fixeron as últimas achegas antes de dalo á coñecer a Pontevedra.
O BNG optou por deseñar unha campaña intensa para facer chegar a mensaxe a todos os pontevedreses con moitos encontros sectoriais e veciñais, pero, sobre todo, unha campaña na que os pontevedreses sexan os protagonistas.
Lores insistiu ante os presentes no lema da campaña, 'O mellor está por vir. Adiante Pontevedra', e chamou a atención sobre o feito de que "non todo está feito", tal e como xa indicara diante dos medios de comunicación na última semana.
O alcaldable nacionalista agradeceu o apoio das 35 persoas que o acompañan nesta nova andaina para revalidar a Alcaldía, un equipo do que destacou o compromiso co proxecto Pontevedra "que leva en marcha 32 anos"; o amor a cidade; a capacidade de traballo; o coñecemento da política municipal; a dispoñibilidade; e a capacidade de sufrimento "porque ao traballar nun equipo nos que hai distintos criterios, ritmos e prioridades, non sempre é fácil".