A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, a presidenta provincial da Cruz Vermella, María Teresa Álvarez, e a secretaria e a técnica do proxecto, María Jesús Fernández e Berta Segovia, respectivamente, estiveron presentes este martes na entrega da última partida da Axuda Alimentaria 2020 destinada á Asemblea Provincial da Cruz Vermella en Pontevedra.
A entidade social recibiu nesta terceira e última fase do programa un total de 268 toneladas de comida destinadas ás persoas con menos recursos da provincia.
A Cruz Vermella e o Banco de Alimentos repartirán entre máis dun centenar asociacións 536 toneladas de produtos alimenticios.
A Subdelegación do Goberno en Pontevedra actúa, a través da Dependencia de Agricultura, como Unidade de Control do programa. Con esta terceira etapa culmina a anualidade 2020 deste programa de axuda, que contou na provincia con 23.750 beneficiarios, un 8 % máis que no exercicio anterior, e repartiu, sumando tamén os alimentos distribuídos ao longo da primeira e segunda fase desenvoltas en xuño e outubro do ano pasado, un total de 1.569 toneladas de comida.
Durante a súa visita, Maica Larriba quixo agradecer "á Cruz Vermella o seu papel e a súa achega como centro de almacenamento e distribución, fundamentais para este programa".
A subdelegada quixo, así mesmo, destacar "a axuda inestimable do máis de centenar de organizacións de reparto que colaboran co Goberno na provincia, encargándose da entrega ás persoas máis necesitadas destes produtos alimenticios non perecedoiros. Agradezo o esforzo de todas estas organizacións e dos seus voluntarios e voluntarias, porque xuntos chegamos a quen máis nos precisa".