"Última chanzo" da tramitación da unión subterránea dos edificios do Museo de Pontevedra

Pontevedra
02 de xaneiro 2023

A unión subterránea dos edificios do Museo de Pontevedra García Flórez e Castro Monteagudo tan só queda pendente un informe da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia. A Xunta de Goberno deu luz verde na súa primeira reunión do ano á aprobación provisional do proxecto de modificación puntual de Peprica

Edificios do Museo de Pontevedra na rúa  Pasantería
Edificios do Museo de Pontevedra na rúa Pasantería / Mónica Patxot

A unión subterránea dos edificios do Museo de Pontevedra García Flórez e Castro Monteagudo, na rúa Pasantería e a contorna da praza da Leña, está xa máis preto e tan só queda pendente un informe da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia. 

Así o deu a coñecer este luns a portavoz do Goberno local, Anabel Gulías, que anunciou que a Xunta de Goberno deu luz verde na súa primeira reunión do ano á aprobación provisional do proxecto de modificación puntual de Peprica (Plan Especial de Protección, Reforma Interior e Conservación. Artística do Conxunto Histórico-Artístico de Pontevedra) necesario para este proxecto.

A modificación afecta o artigo 86 desta normativa e é xa, segundo Gulías, o "último chanzo na tramitación" deste proxecto de unión e rehabilitación dos edificios do Museo de Pontevedra.

A tramitación resultou "moi complexa" e agora "faltaría só" un informe de Patrimonio e a aprobación definitiva da modificación do Peprica no Pleno da Corporación de Pontevedra

O proxecto supón recuperar o uso público de novos equipamentos culturais para o Museo, algo que Anabel Gulías cualifica de "moi boa nova" para Pontevedra.