UGT pedirá evitar a exclusión social no Día do Traballador

Pontevedra
29 de abril 2024

O sindicato realizará unha marcha ás 12.00 horas do mércores 1 de maio partindo da praza da Ferrería e finalizando na praza de España

Ramón Vidal, secretario comarcal de UGT
Ramón Vidal, secretario comarcal de UGT / PontevedraViva

UGT realizará unha manifestación en solitario este mércores 1 de maio, que se iniciará ás 12.00 horas na praza da Ferrería para finalizar na praza de España, despois de percorrer o centro da cidade.

Ramón Vidal, secretario comarcal do sindicato, explicaba que os datos económicos "non son malos", pero considera que a situación social e laboral debe mellorar.

A proposta desta central sindical é subir o nivel económico para evitar a exclusión social e elevar as condicións nos fogares que permita manter unha vida digna.

Demandan o incremento da dotación tanto en persoal como en medios materiais e económicos na Inspección de Traballo para regular a situación de determinadas empresas e citou, en concreto, o sector servizos onde se rexistran a final de cada tempada un incremento de despedimentos improcedentes e falta de pagamentos.

Tamén piden que se reduza a xornada laboral e chegar a un acordo de futuro para que os traballadores teñan máis tempo de descanso e goce.

Ramón Vidal lamentou que continúe sen producirse unidade sindical: "é máis importante o que nos une que as pequenas diferenzas que teñamos nalgunha negociación ou nalgunha empresa", admitía Vidal, que considera que esta división sindical con distintas manifestacións o 1º de Mayo leva a que os sindicatos se debiliten.