UXT Pontevedra-Arousa-Deza premiaba con motivo do Día Internacional da Muller a Nuria Abal Muñiz, unha traballadora nova, valente e loitadora, que está empregada desde hai 12 anos na empresa Ferrovial e que asumiu a representación no comité de empresa e que reivindica a igualdade real para construír unha mellor sociedade.
Abal Muñiz recibía este venres o recoñecemento sindical en UXT, onde milita desde hai unha década. Traballadora do sector da limpeza, de 33 anos e con dúas fillas, de 3 e 7 anos de idade, esta muller foi secretaria do comité de empresa no período comprendido entre 2016 e 2020, sendo a única representante feminina entre 9 persoas.
O premio, unha escultura que representa unha árbore da vida, foi entregado polo secretario comarcal do sindicato, Ramón Vidal, que sinalaba que o cambio no mundo laboral está a producirse para quedar fomentando a igualdade a pesar dos "nubarróns" que aparecen no sector político. Sinalou que a educación é o futuro para lograr a igualdade laboral entre mulleres e homes.
Nuria Abal mostrouse moi agradecida polo premio e destacou o moito que apostaron por ela tanto o persoal da empresa, como os seus compañeiros sindicalistas, en especial Carlos Chamadoira, presidente do comité de empresa. Tamén tivo palabras de agradecemento á súa familia, en especial ao seu avó Ángel que faleceu hai un ano e que, sinalou, se sentiría orgulloso desta homenaxe.
"Foi un honor que os compañeiros me elixiran", indicou a moza traballadora afirmando que a loita pola igualdade ten que establecerse tanto no fogar como no traballo.