UGT e CCOO urxen a Lores que sente as bases de negociación para resolver o conflito laboral no Concello

Pontevedra
29 de abril 2022

Acusan a Carme Fouces, concelleira de Persoal, de manter enquistado o conflito debido a "súa intolerancia e desprezo ao labor sindical", ademais denuncian o seu abuso de poder ao tentar amedrentar ao persoal municipal con ameazas. Ramón Vidal e Xosé Luis García Pedrosa, representantes dos dous sindicatos, afirman que o goberno local de Fernández Lores mantén unha política non dialogante, privatizadora e de desmantelamento dos servizos públicos

Demandan solucións para resolver o conflito laboral "enquistado" no Concello de Pontevedra /
Rolda de prensa de UGT e CCOO sobre o conflito laboral no Concello
Rolda de prensa de UGT e CCOO sobre o conflito laboral no Concello

Ramón Vidal, secretario comarcal de UXT, e Xosé Luís García Pedrosa, secretario de organización de Comisións Obreiras, reclamaban este venres ao alcalde de Pontevedra Miguel Anxo Fernández Lores que, como máximo responsable das relacións laborais no Concello, interveña no conflito laboral aberto coas organizacións sindicais e que sente as bases para establecer unha negociación que reconduza a situación actual.

Indican que esta tensión se iniciou en marzo de 2021 cando a actual concelleira de Persoal, Carme Fouces, non tivo en conta todos os acordos que previamente se alcanzaron entre os sindicatos con representación municipal e o anterior responsable da área Vicente Legísima. Sinalan que a Lei 20/21 establecida para reducir a temporalidade no emprego público obriga ás administracións para estabilizar ao persoal laboral mediante un proceso regulado de negociación, que o grupo de goberno non adopta. 

Vidal acusou o goberno local de aplicar políticas de "dereita nacionalista" por aplicar a non negociación, a imposición e acoso aos representantes, con mesmo "insultos" por parte da representante municipal aos integrantes dos sindicatos. Xustifican a ausencia dos sindicatos ás convocatorias que realiza Fouces porque a concelleira non recolle as solicitudes e iniciativas que se propoñen. Ademais acusa á edil de exercer un "desafío e chantaxe" para non seguir a lei, que "está obrigada a aplicar" para evitar a precarización, segundo indicou o representante de UXT. Ramón Vidal tamén criticou a expresión "machirulo" utilizada pola concelleira para definir as actuacións dalgúns negociadores sindicais.

Pola súa banda, Xosé Luís García Pedrosa lamentou que o BNG defenda os traballadores en manifestacións pero non cando teñen que adoptar medidas ao asumir responsabilidades de goberno. "A política do BNG é calquera  cousa menos progresista", afirmou o integrante de CCOO acusando o goberno local de Pontevedra de investir en asistencias técnicas como fórmula para privatizar e manter un cadro de persoal moi reducido. Alegan que ante a precariedade laboral e a falta de diálogo que mantén o Concello de Pontevedra, os sindicatos e os traballadores rematan acudindo ao xulgado para defender os seus dereitos. 

García Pedrosa tamén fixo referencia ás expresións de Carme Fouces nas que daba a entender que as representantes sindicais estaban manipuladas polos homes. "Se tanto preocupa ao goberno local a igualdade, por que non aproba o Plan de  Igualdade?", apuntou. 

Os dous sindicatos denuncian que o goberno local non rescata servizos públicos cando, pola contra, si o reclaman a outras administracións. Por iso tachan ao grupo de goberno de actuar con "hipocrisía" e "abuso de poder". Para resolver a situación demandan a intervención de Miguel Anxo Fernández Lores e sinalan que os delegados de CCOO e UXT non acudirán ás convocatorias de negociación ata que se convoquen con vontade de diálogo. En todo caso, Ramón Vidal e Xosé Luís García Pedrosa evitan pedir a dimisión de Carme Fouces como interlocutora pero demandan que aplique a regulación atendendo aos concursos de méritos e concurso-oposición que recolle a lei.