Ucraína estará presente na Semana Galega de Filosofía a través das "contrahexemonías" e o pensamento único

Pontevedra
09 de marzo 2022

A XXXVIII edición da Semana Galega da Filosofía recupera o seu formato presencial en Pontevedra nun evento que se desenvolverá entre o 18 e o 22 de abril baixo o título de Filosofía e Contrahexemonías

Montse Bragado e Alexandre Cendón, vogal e presidente da Aula Castelao de Filosofía, e o alcalde de Pontevedra
Montse Bragado e Alexandre Cendón, vogal e presidente da Aula Castelao de Filosofía, e o alcalde de Pontevedra

A XXXVIII edición da Semana Galega da Filosofía recupera o seu formato presencial en Pontevedra, con difusión tamén en streaming, nun evento que se desenvolverá entre o 18 e o 22 de abril nun espazo aínda sen concretar. Se as obras rematan a tempo, o escenario elixido sería o Teatro Principal, e no seu lugar o Pazo da Cultura.

A Semana Galega da Filosofía levará por títuloFilosofía e Contrahexemonías. Este mércores, o presidente da Aula Castelao de Filosofía, Alexandre Cendón, e a vogal Montse Bragado reuníanse co alcalde de Pontevedra, Miguel Fernández Lores, e a concelleira de Cultura, Carmen Fouces, no edificio consistorial de Michelena 30, para explicarlles o programa e relatores previstos e que serán anunciados en detalle este venres.

"Parécenos moi interesante o tema escollido, máxime no momento actual, onde semella medrar o pensamento único no mundo. Coido que é unha Semana moi interesante e Pontevedra volverá ser o centro galego, español, probablemente europeo, dun debate filosófico de alto nivel. Estamos orgullosos e valoramos enormemente o esforzo da Aula Castelao de Filosofía para manternos ao día todos estes días e centrar en Pontevedra toda esta actividade que nos coloca no mundo", manifestaba o alcalde de Pontevedra.

O presidente da Aula Castelao, Alexandre Cendón, explicaba que "escollemos este tema, Filosofía e Contrahexemonías, porque pensamos que a contrahexemonía é ese discurso que se opón a esa práctica dos poderes ou dos discursos dominantes. É importante telos en conta, sacalos á luz, poñelos na palestra e discutir ao redor deles, pois é unha boa forma de reflexionar, de facer unha análise crítica; alén da política, tamén desde o punto de vista social, cultural, moral".

Cendón González sinalaba que o tema fora escollido moito antes da guerra en Ucraína, que tristemente pon de relevo os perigos do pensamento único. Neste sentido, xa avanza que a situación no leste de Europa estará moi presente nesta edición da Semana Galega de Filosofía.

Arquivado en