As televisións públicas española e portuguesa, RTVE e RTP, suspenden en transparencia. Esa é unha das conclusións que se poden extraer dun estudo realizado polos investigadores Iván Puentes (Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación de Pontevedra) e Paulo Carlos López (Pontificia Universidad Católica del Ecuador).
Os dous investigadores desenvolveron un panel de 58 indicadores dirixidos a avaliar o grao de transparencia das televisións públicas a través dunha análise das súas webs. O resultado foi que TVE logrou superar o 45,7% dos ítems propostos e a radio televisión portuguesa só o 33,7%. As dúas suspenderon.
Iván Puentes -tamén concelleiro do PSOE na cidade- lembra que "na sociedade actual, a transparencia é case unha palabra máxica" e os medios de comunicación públicos desenvolven "un papel transcendental" á hora de conformar a opinión pública, polo que deben "estar suxeitos á mesma esixencia de transparencia que calquera administración publica".
O estudo encádrase nas investigacións da rede internacional Xescom, que lidera o grupo Novos Medios da USC e da que forma parte o grupo CP2 da Universidade de Vigo.
Segundo informou o DUVI da Universidade de Vigo, ten como obxectivo principal definir unha metodoloxía que se poida aplicar para avaliar a transparencia das televisións públicas de diferentes países co propósito de crear unha especie de panel que se poida ir actualizando periodicamente para ver tamén como evolucionan e, sobre todo, para que se poidan comparar con criterios obxectivos os seus niveis de transparencia.
Puentes e López avaliaron a TVE e RTP, xunto á tamén investigadora da Pontificia Universidad Católica del Ecuador Mónica López Golán, na Conferencia Ibérica de Sistemas e Tecnoloxías da Información, celebrada o pasado verán en Lisboa.
Tomando como referencia indicadores de transparencia empregados para avaliar a diferentes administracións públicas e investigacións sobre boas prácticas en materia de comunicación, Puentes e López desenvolveron un primeiro panel de 29 indicadores que, nun artigo publicado na Revista Latina de Comunicación Social xunto ao tamén investigador de CCSS e da Comunicación Xosé Rúas, aplicaban a TVE e a Televisión Nacional de Chile, que obtiñan, en ambos casos, unha puntuación do 62%.
Tras analizar posteriormente con este mesmo panel as televisións dos países da comunidade andina, os investigadores ampliaron, mantendo a mesma estrutura, o número total de indicadores, "sobre todo con aspectos específicos sobre televisión, o que fai que a puntuación que se lles vai asignando descenda".
Nese senso, Puentes incide en que, máis aló do dato numérico, será a comparación con outros países "a que permita valorar cualitativamente como está TVE", que a pesares de contar "cun portal de transparencia moi bo, observamos que moita da información que hai non é relevante ou está mal estruturada".