"Esta semana Santa será mellor que a do pasado ano cun 68% de ocupación, 8 puntos máis que no 2022 no conxunto da provincia", destacou a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva na presentación das estimacións de ocupación realizadas polo Barómetro de Turismo Rías Baixas.
A previsión de ocupación hostaleira na provincia sitúase entre o 75 e o 77% nos días festivos, entre o Xoves Santo e o Domingo de Pascua, "se a meteoroloxía acompaña", apuntou a presidenta.
Carmela Silva mostrouse convencida de que "vai ser un gran ano, mellor que o anterior".
As previsións para a cidade de Pontevedra son dun 65%, o que supón tres puntos máis que o pasado ano, e na comarca superará o 60%, (7 puntos máis respecto a 2022).
Na comarca de Vigo estímase unha ocupación hostaleira do 70% (a ocupación o ano pasado foi do 61%), na cidade olívica a previsión é do 75% (o ano pasado foi dun 60,8%). En Baiona espérase un 65% (o pasado ano foi do 55,9%), a comarca do Morrazo estima un 69% (foi o 60,7% o ano pasado), no Salnés espérase o 68% (foi do 60%), en Sanxenxo espérase un 68% son oito puntos máis que a obtida o pasado ano e no Grove un 65% (en 2022 foi do 54,7%).
No Condado-A Paradanta esperan o 66% de ocupación, sete puntos máis que o ano anterior, no Baixo Miño agardan un 66% (un 55,5% rexistraron o ano pasado), na comarca de Caldas estiman un 62%, tres puntos máis e, por último, na do Deza-Tabeirós-Terra de Montes un 60% é o esperado (58,3 conseguiron en 2022).
En canto ao turismo rural, Turismo Rías Baixas manexa unhas previsións do 64 por cento de ocupación e ata un 70% nos días centrais da semana.
Nas vivendas turísticas a estimación é do 72 por cento no conxunto da provincia e de ata o 81 por cento nas cidades de Pontevedra e Vigo.
"Existe confianza en que os datos finais de ocupación á volta da Semana Santa confirmarán e mellorarán esta tendencia", valorou Carmela Silva.