Turismo con sorpresa en Pontevedra: unha parella norueguesa atopa unha perla nunha ostra

Pontevedra
29 de xuño 2024

David e Stefka son unha parella de orixe norueguesa de vacacións en Pontevedra e este venres localizaron unha perla dentro dunha ostra mentres ceaban no centro histórico. "Din que xa nunca esquecerán estas vacacións e a sorpresa recibida", explican testemuñas do achado

Perla localizada por David e Stefka
Perla localizada por David e Stefka / Restaurante O Bioco

A viaxe de David e Stefka a Pontevedra tivo sorpresa. Non só lembrarán sempre a cidade empedrada, o santuario da Peregrina ou cada recuncho do centro histórico. Acordaranse da Boa Vila porque protagonizaron un acontecemento pouco habitual: localizaron unha perla. 

Trátase dunha parella norueguesa que, durante as súas vacacións en Pontevedra, saíron a tapear polo centro histórico. Para celebrar a estancia, pediron ostras e, dentro dunha, alí estaba a perla. 

A historia compártea Mónica, responsable do restaurante O Bioco da rúa Manuel Quiroga, un dos poucos locais da cidade que serven ostras.

Mónica lembra que é xa a terceira vez que uno dos seus clientes fai tal achado. Tirando de hemeroteca, atopamos catro, en 2016, en 2020, en 2021 e este venres 28 de xuño.  En todos os casos, ocorreu no verán e a persoas que non son naturais de Pontevedra.

En 2020, unha parella que non era natural de Pontevedra, pero si clientes habituais do local, atoparon unha e, para celebralo, el pediulle matrimonio. Entón, xa era a segunda vez, pois no verán de 2016 sucedera algo parecido. 

En 2021, foi unha parella de Madrid de vacacións no Grove a que sentou neste restaurante e atopou unha perla. 

Este 2024, son estes dous cidadáns noruegueses. "Din que xa nunca esquecerán estas vacacións e a sorpresa recibida", explican testemuñas do achado.