Tudela mira cara Pontevedra pensando en revitalizar o seu casco histórico

Pontevedra
29 de setembro 2017

O centro histórico de Pontevedra volve ser exemplo de rehabilitación urbana para outro municipio español. Neste caso é o de Tudela, a segunda vila más grande de Navarra

Reunión de traballo de Daniel Macenlle co goberno municipal de Tudela
Reunión de traballo de Daniel Macenlle co goberno municipal de Tudela / Concello de Pontevedra

O centro histórico de Pontevedra volve ser exemplo de rehabilitación urbana para outro municipio español. Neste caso é o de Tudela, a segunda vila más grande de Navarra.

O intendente principal da Policía Local, Daniel Macenlle, participou nunha reunión de traballo con parte do equipo de goberno de Tudela, localidade a onde se desprazou para participar na Semana Europea da Mobilidade en representación do Concello de Pontevedra.

Aproveitando a súa presenza na cidade, o goberno local pediulle manter unha reunión de traballo xunto aos concelleiros de Urbanismo e de Mobilidade, os directores xerais de Medio Ambiente e Mobilidade e co intendente principal da Policía Local de Tudela, para coñecer o modelo de cidade que defende Pontevedra.

Segundo difundiu o goberno pontevedrés, os políticos e técnicos navarros mostraron especial interese no concepto do estacionamento de servizos e na creación de zonas peonís abertas.

Daniel Macenlle explicoulles detidamente o traballo que, na Boa Vila, comezou en 1999 coa peonalización da zona vella.

Tudela quere avanzar cara a revitalización do centro histórico da localidade, que ten os vellos problemas que tiña o de Pontevedra: moito ruído, moitos locais de ocio ou ausencia de residentes.