A sección segunda da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) desestimou o incidente de nulidade, promovido por Burger King Spain, da sentenza que revogou as licenzas de legalización das obras dunha edificación destinada a restaurante situada en Sanxenxo, así como o permiso para desenvolver a actividade.
A empresa asegura que se considera prexudicada por nunca ser emprazada no procedemento xudicial, causándolle indefensión, a pesar, segundo alega, de que era parte interesada.
"Non cabe compartir a súa argumentación nin, a consecuencia, a procedencia da anulación da sentenza, atendida a inexistencia de datos de onde puidese ser identificada con tal carácter, a fin de considerar que puidesen verse afectados os seus intereses e que debese ser emprazada", recalca o TSXG.
A sentenza explica que isto é así porque Burger King Spain "non foi quen solicitou a licenza de obras para a construción dunha estación de servizo con cafetaría e oficinas en Sanxenxo, nin a licenza municipal de actividade para apertura de actividades".
A Sala subliña que, de feito, foron concedidas á mercantil Estacións de Servizo Exnor.
Os maxistrados indican que o contrato privado de cesión de superficie ao que agora se fai referencia -acordo privado entre partes- é "alleo aos títulos administrativos outorgados, que figuran todos a nome de Estacións de Servizo Exnor, tratándose de relacións comerciais internas entre ambas as dúas entidades, non postas de manifesto nin en vía administrativa nin en vía xudicial até agora".
Por iso, os xuíces conclúen que non existiu vulneración do seu dereito de defensa, á vez que recalcan que tampouco se acudiu nos procedementos administrativos.
Así, o TSXG destaca que a empresa que demanda a nulidade da sentenza "non era identificable como interesada".
"Ao non resultar afectada nos seus dereitos ou intereses lexítimos, nin sequera identificada, non era preciso nin posible o seu emprazamento, tampouco en vía xudicial, polo que non se produciu unha vulneración do dereito á tutela xudicial efectiva e o incidente de nulidade debe ser desestimado", incide o alto tribunal galego no auto, contra o que non cabe presentar recurso.