Trump ameaza a economía local, segundo o PSOE, con aranceis que afectarán o viño, o porto e a automoción

Pontevedra
12 de abril 2025

Os socialistas critican o silencio da Xunta ante unha guerra comercial que pon en risco as exportacións da provincia, cuarta de España en vendas ao exterior

Representantes do PSdeG PSOE en Pontevedra
Representantes do PSdeG PSOE en Pontevedra / PSdeG-PSOE

A imposición de novos aranceis por parte de Donald Trump ameaza sectores clave da economía pontevedresa como o viño da DO Rías Baixas, o Porto de Marín e a industria auxiliar do automóbil.

Así o denunciaban este sábado os representantes do PSdeG nunha comparecencia na sede local do partido, durante un foro sobre memoria democrática organizado polas Xuventudes Socialistas.

A senadora Carmela Silva, anterior presidenta da Deputación, destacou que Pontevedra ocupa o cuarto posto de España en exportacións, polo que considera "inaceptable" a pasividade do Executivo de Alfonso Rueda.

"Enfrontámonos a unha situación preocupante que vai ter repercusións para o comercio internacional, a vida das empresas e o emprego no noso país", advertiu.

Mentres o Goberno central xa aprobou un plan de 14.100 millóns de euros para protexer ás empresas exportadoras, a administración autonómica non se reunirá co tecido empresarial ata o 14 de abril.

A parlamentaria Paloma Castro criticou este "desleixo" e reclamou medidas complementarias ás estatais, como xa fixeron outras comunidades como Cataluña ou Asturias.

O portavoz municipal socialista, Iván Puentes, identificou tres sectores especialmente vulnerables na cidade: a DO Rías Baixas, cuxas adegas teñen en Estados Unidos o seu principal mercado; o porto de Marín como infraestrutura clave para o comercio transatlántico; e as empresas de compoñentes do automóbil con forte presenza exportadora.

Os socialistas denunciaron que dirixentes do PP como a senadora Pepa Pardo e o vicepresidente da Deputación Rafa Domínguez "eloxiaron e celebraron" as vitorias de Trump, mentres o Goberno central busca diversificar mercados con misións comerciais en China e Vietnam. A UE mantén unha moratoria de 90 días para negociar cos EE.UU., período no que os socialistas reclaman unha resposta coordinada de todas as administracións.

O secretario provincial do PSdeG, David Regades, participou tamén no acto, onde se anunciou que os orzamentos municipais de 2025 incluirán partidas específicas para favorecer o asentamento industrial, incluíndo un estudo de viabilidade para o Porto Seco de Leborei, en Cerponzóns.

Os socialistas insistiron en que esta crise "non é unha cuestión de siglas políticas", e reclamaron unidade de acción baixo o liderado do Goberno de España para protexer os intereses económicos da provincia.

David Regades, durante a súa intervención
David Regades, durante a súa intervenciónPSdeG-PSOE