As Forzas Armadas volverán despregarse nos montes de Galicia este verán, como veñen facendo desde o ano 2007, na coñecida como Operación Centinela Gallego, consistente nun operativo de 30 patrullas e medios aéreos non tripulados de vixilancia para contribuír á prevención de incendios forestais.
Os detalles desta nova campaña déronse a coñecer este mércores nunha rolda de prensa na que participaron o subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, o xeneral da Brigada "Galicia" VII (BRILAT), Alfonso Pardo de Santayana, o director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez e o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva.
Este operativo desenvólvese no marco dun convenio asinado entre o Ministerio de Defensa e a Xunta de Galicia, de case medio millón de euros, para realizar labores de vixilancia, disuasión e prevención dos incendios en 39 concellos, repartidos nun total de oito distritos forestais que abarcan 4.414 quilómetros cadrados.
O número de patrullas poderá ser ampliable ata 75 no caso de nivel máximo de esforzo, na actualidade o nivel é medio. Os militares despregados no monte tamén facilitarán información aos servizos de extinción e notificarán a forzas e corpos de seguridade sobre aquelas persoas que puidesen estar implicadas na provocación de incendios intencionados.
A Operación Centinela Gallego desenvolverase desde o día 15 de agosto ao 30 de setembro, con posibilidade de prórroga en función das circunstancias.
O subdelegado do Goberno incidiu na "trayectoria efectiva y ejemplar" na protección dos montes e da cidadanía deste operativo Centinela Gallego o que levou á creación este ano en Canarias dun operativo "irmán", o Centinela Canario, que actuará no arquipélago durante este verán.
Losada tamén destacou "el compromiso del Gobierno para dar respuesta a esta problemática mediante la cooperación entre administraciones" e informou que este ano o Executivo central pon ao dispor da Xunta preto de 4.000 efectivos, entre a UME, Brigada de Reforzo de Incendios Forestais (BRIF) de Laza, Terzo Norte da Armada, Exército de Terra, Garda Civil e Policía Nacional.
Neste mesmo sentido virou a intervención da conselleira do Medio Rural, María José Gómez, que tamén incidiu na importancia da colaboración neste ámbito "a loita contra o lume é cousa de todos, de todas as administracións e tamén da sociedade no seu conxunto". "Apelo ao noso corazón, que en Galicia é verde, para que siga sendo verde", dixo.
María José Gómez lembrou que este ano se mobilizaron, de novo, máis de 7.000 efectivos para esta finalidade, apoiados por unha trintena de medios aéreos -entre autonómicos e estatais- e por preto de 380 motobombas -da Xunta e municipais-.
Respecto a os militares que participan no Centinela Gallego, o xeneral da Brigada "Galicia" VII, Alfonso Pardo de Santayana, comentou que "toda nuestra gente es voluntaria y son paisanos de la parroquia o de la aldea donde se despliegan, porque conocen el entorno, conocen a sus vecinos, se conocen las sendas, saben dónde pueden pasar las cosas y eso mejora nuestra capacidad de intervención".
Pardo de Santayana engadiu que esta operación supón "una oportunidad para que nos vean y para que entiendan que las Fuerzas Armadas son una magnífica herramienta a las órdenes del Gobierno para aquellas necesidades que tenemos todos".
Neste sentido o xeneral da Brilat anunciou que "hoy he recibido el mensaje del cuartel general de Sevilla para que empecemos las tareas para generar los siguientes contingentes en Eslovaquia en el año 25".
Actualmente, a Brilat tamén está a levar a cabo a misión de adestramento de todo o persoal das forzas armadas ucraínas en España, "que también es un esfuerzo muy evidente, con picos de hasta nueve cursos a la vez que estamos coordinando en todo el territorio nacional".
Co cal, Centinela Gallego é a terceira operación en curso que afronta a brigada "pero lo hacemos con muchísimo cariño, muchísimo interés y como una parte fundamental de nuestros quehaceres hacia nuestros conciudadanos", asegurou.