Tributo a Juan Pardo nas festas de Aguasantas

Cerdedo-Cotobade
04 de setembro 2024

O venres, a partir das 21 horas, terá lugar unha gran churrascada na honra dos emigrantes que estará amenizada tamén polo grupo de pop español San Rockers

Presentación do programa das festas da parroquia de Aguasantas
Presentación do programa das festas da parroquia de Aguasantas / Concello de Cerdedo-Cotobade

O alcalde, Jorge Cubela, o tenente de alcalde Fernando Vázquez, a concelleira Maite Pichel e membros da Comisión de Festas presentaron a programación festiva da parroquia de Aguasantas na honra da Nosa Señora, patroa do Concello de Cerdedo-Cotobade, que se celebrarán os días 6, 7 e 8 de setembro e que contarán coa colaboración da administración local a través do Plan Cultural Municipal e o concerto Tributo a Juan Pardo, que terá lugar o venres ás 22 horas.

As celebracións iniciaranse o venres 6 de setembro, ás 21 horas, coa festa dos emigrantes onde terá lugar a tradicional churrascada amenizada polo grupo de pop español San Rockers e o concerto Tributo a Juan Pardo.

O sábado 7 de setembro terá lugar pola mañá cedo o pasacalles a cargo da Banda de Música Unión Musical de Tenorio. Ás 13:00 horas comezará a misa cantada polo coro Agua Viva de Aguasantas, seguida de procesión acompañada pola citada banda que protagonizará a sesión vermú. Ás 19 horas rezarase o rosario na Capela de Penelas e ás 22:30 horas comezará a verbena amenizada polas orquestras Solara e o grupo Explosión.

O domingo 8 de setembro haberá dianas e alboradas a cargo da Banda de Música de Cerdedo. Ás 11:45 horas terá lugar a misa solemne acompañada polo coro Agua Viva de Aguasantas, seguida de procesión acompañada pola citada banda que protagonizará a sesión vermú. Ás 22:00 horas os grupos Alcázar e Ultrafónicos protagonizarán a verbena. 

Pola súa banda, o alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, reiterou o apoio persoal e institucional a estas festas que contan co respaldo do Plan Cultural Municipal e o acondicionamento do novo aparcadoiro, ubicado na parte posterior do local social dos veciños de Aguasantas, que a petición veciñal e tamén da Comisión de Festas foi sometido a labores de roza e limpeza para que estean en perfectas condicións para a celebración dos eventos festivos.

Cubela, felicitou aos membros da Comisión de Festas e salientou o programa festivo pola súa variedade no que non falta a combinación harmónica dos actos tradicionais relixiosos coa animación e valorou moi positivamente a celebración da churrascada na honra dos emigrantes "como un feito moi emotivo que segue mantendo ben fortes e atados os lazos que unen aos nosos veciños de aquí cos que están fóra. Estas festas sirven de punto de unión e reencontro de moitas familias e amigos", dixo o alcalde de Cerdedo-Cotobade.