A concelleira de Cultura e presidenta do Organismo Autónomo Pazo da Cultura Carmen Fouces asinaba este venres cos representantes de Froiz e Viaqua, José Manuel Álvarez Gil e Julio Maside, o convenio anual de patrocinio das actividades para o Pazo da Cultura.
A achega ascende a 15.000 euros, entre os 6.000 euros que achega Froiz, a mesma cantidade que Viacqua e outros 3.000 euros que son entregados por un terceiro patrocinador que se mantén no anonimato.
Estas entidades manteñen esta colaboración co Concello de Pontevedra desde hai case 20 anos, como indicaba o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores durante a renovación do convenio.
Segundo sinalaba o rexedor, o destacable é a sensibilidade e o compromiso que estas empresas mostran coa cidade e co tecido cultural. Neste sentido, destacou a sorte de contar con Froiz, unha empresa referente tanto no ámbito local como autonómico; do mesmo xeito que con Viaqua que contribúe á loita contra o cambio climático a través do ciclo da auga e a instalación da rede de saneamento no rural, que estará finalizada nun período máximo de catro anos, sinalou Lores.