Unha muller de 71 anos falecía este xoves 11 no Hospital do Salnés e nas últimas 24 horas morrían unha muller de 74 e un home de 87 no Hospital Montecelo. Son as tres últimas mortes de pacientes diagnosticados por coronavirus na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, que notificou a Consellería de Sanidade nesta xornada do venres 12.
Con estas mortes, o número de decesos nesta área sanitaria elévase a 138 persoas, desde que se notifican por Saúde Pública as vítimas ocasionadas pola infección do SARS-coV-2.
GALICIA
A Consellería de Sanidade notificou 15 mortes pola enfermidade da covid-19, entre as que se atopan os tres pacientes da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés. Dentro da provincia súmase un home de 96 anos, que perdía a vida no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo.
A eles súmanse unha muller de 62 anos e tres homes, de 72, 85 e 88 anos, falecidos no Complexo Hospitalario de Santiago (CHUS); dúas mulleres, de 83 e 95 anos, no Complexo Hospitalario de Ferrol (CHUF) á que se suma unha terceira procedente da residencia Mi Casa de Ferrol; un home de 85 anos no Complexo Hospitalario de Ourense (CHUO) e un home de 80 anos, no Complexo Hospitalario da Coruña (CHUAC). Estas vítimas rexistrábanse durante a xornada deste xoves 11 de febreiro.
Neste venres 12 notificáronse os dous pacientes de Montecelo e un home de 60 anos, no CHUF e outro de 85 no hospital da Mariña de Burela.
DATOS ATRASADOS DE RESIDENCIAS
A estas mortes súmanse outros nove falecementos comunicados pola Consellería de Sanidade este venres. O departamento de prensa indica que se trata de vítimas producidas hai varias semanas pero as residencias tardaron en notificar que estas mortes producíronse como consecuencia da enfermidade.
A Xunta advirte a dúas residencias da provincia por non facilitar os datos de falecementos
En concreto, desde a Consellería de Sanidade indican que a residencia Vila do Conde de Gondomar e a residencia Paz e Ben de Tui tiveron que ser advertidas pola Xunta de Galicia para facilitar os datos destas mortes. Algunhas delas producíronse hai máis de dous meses.
Desta forma notifícanse que as vítimas en residencias foron as seguintes.
Muller de 98 anos, falecida na residencia Bo Día Sagunto de Vigo, procedente da residencia As Angélicas de Vigo (08/02/21)
Muller de 98 anos, falecida na residencia Nosa Sra. do Carme de Sarria (08/02/21)
Na residencia Vila do Conde de Gondomar: muller de 90 anos (07/12/20); home de 92 (03/12/20); home de 80 anos (29/11/20), muller de 89 (07/12/20).
Na residencia Paz e Ben de Tui: muller de 99 anos (18/01/21), muller de 93 anos (17/01/21), muller de 88 anos (16/01/21)
Todas as mortes notificadas pola Consellería de Sanidade durante este venres 12 contaban con enfermidades previas nos seus historiais médicos antes de contraer o coronavirus. Con estas novas vítimas, o número de persoas falecidas en Galicia é de 2.080 desde que se teñen datos rexistrados.