O Concello de Ribadumia vén de adquirir unha dotación de tres minipuntos limpos de proximidade, que se colocaron en diferentes localizacións.
Neles, a veciñanza pode depositar de forma sinxela ata sete tipos de residuos domésticos de pequeno tamaño, facilitando así a súa catalogación e posterior reciclaxe.
O orzamento desta acción ascende a 11.979 euros, subvencionado parcialmente cunha axuda da Xunta de Galicia con importe de 8.900 euros, cofinanciada por fondos europeos.
Os minipuntos limpos de proximidade foron instalados na praza do Concello, diante do Mercado Municipal e nas proximidades do Centro de Saúde.
O tipo de materiais que se poden botar nestas instalacións urbanas accesibles e de fácil identificación pola cidadanía son: cartuchos de tinta, residuos de aparatos eléctricos e electrónicos, baterías e pilas usadas, lámpadas (fluorescentes, baixo consumo e leds), material escolar e cápsulas de café.
Ademais, o interior de cada un dos sete departamentos está organizado en celdas individuais de xeito que cada tipo de residuo se garde en compartimentos separados no seu interior.
Con esta medida, dende o Consistorio búscase promover a concienciación social e unha reciclaxe efectiva, establecendo unha medida que facilita á veciñanza a entrega de eses restos que ata o de agora carecían de recollida específica na entidade local.