Tres millóns para converter Pontevedra en destino turístico sostible e referente gastronómico

Pontevedra
21 de decembro 2021

O investimento, procedente dos fondos Next Generation para a recuperación despois da pandemia da covid-19 xa estaba aprobado, pero este martes visitou a cidade o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, coincidindo coa aprobación por parte da conferencia sectorial do Ministerio de Industria de dous deses tres millóns

Visita de José Miñones, Miguel Anxo Fernández Lores, Tino Fernández, Iván Puentes, Yoya Blanco, Marcos Rey e Rafa Cotelo á Illa do Covo
Visita de José Miñones, Miguel Anxo Fernández Lores, Tino Fernández, Iván Puentes, Yoya Blanco, Marcos Rey e Rafa Cotelo á Illa do Covo / Mónica Patxot

Pontevedra recibirá tres millóns de euros do Goberno central que permitirán potenciar o turismo sostible e poñer  en valor o seu patrimonio ambiental e histórico e a súa gastronomía a través da marca 'Pontevedra Capital Gastro'. 

O investimento, procedente dos fondos Next Generation para a recuperación despois da pandemia da covid-19 xa estaba aprobado, pero este martes visitou a cidade o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, coincidindo coa aprobación por parte da conferencia sectorial do Ministerio de Industria dunha parte importante deses fondos.

O Ministerio aprobou dous millóns que irán destinados ao Plan de Sostibilidade Turística do Concello de Pontevedra, que busca promover unha nova estratexia de turismo sostible co obxecto de impulsar a enogastronomía e converter a cidade nun referente gastronómico e polo de innovación turística. 

O millón restante tamén procede do Ministerio de Industria, pero o proxecto xestiónao a Xunta de Galicia. Consiste na restauración ambiental do conxunto da ribeira do Lérez desde As Xunqueiras ata As Aceñas, incluíndo a Illa das Esculturas.  Este proxecto inclúe a mellora da iluminación e da accesibilidade e a recuperación dun servizo recreativo de barcas.

O delegado do Goberno elixiu, precisamente, a Illa do Covo para a súa visita, na que estivo acompañado polo alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, o tenente de alcalde, Tino Fernández; e os concelleios do PSOE Yoya Blanco, Iván Puentes e Marcos Rey, ademais de Rafael Cotelo.

Miñones destacou o potencial de  Pontevedra, un destino "sinalado e de referencia para Galicia e para o conxunto de España", e polo que o Goberno aposta co obxectivo de seguir traballando nunha "oferta atractiva e sustentable para o turismo da cidade".  

Miguel Anxo Fernández Lores destacou que poder acceder a estes fondos vai significar "un avance importante no deseño e no modelo que estamos desenvolvendo" e insistiu en que ao Goberno local "interésanos moito que Pontevedra sexa un destino turístico sostible e con pernoctacións máis longas".

"Queremos que a xente goce de Pontevedra a nivel urbano e tamén dos arredores", sinalou o alcalde, que lembrou que a gastronomía "é tamén un dos atractivos da cidade" e un paso máis para lograr un turismo "máis duradeiro, máis sostible, non masificado, de recuperación do espazo público".  

Tino Fernández insistiu en que Pontevedra "é modelo de moitas cousas" e unha cidade pioneira en cuestións de mobilidade, de gañar espazos públicos para os cidadáns, de usar as actividades deportivas para poñer a Pontevedra no mundo e en cuestións relativas ao coidado do medio e "nesa liña vai o plan" que se acaba de aprobar

Así, destacou  que busca favorecer un desenvolvemento que faga que o novo turismo que ten que vir a partir de agora "encontre en Pontevedra un referente"

Iván Puentes, concelleiro de Parques e Xardíns, detallou que os dous millóns do Plan de Sostibilidade Turística irán destinados a poñer en marcha catro eixos de actuación en tres anualidades, entre 2022 e 2024: transición verde e sostible, mellora da eficiencia enerxética, transición dixital e competitividade. 

Suporán poñer en marcha proxectos como a continuación da Vía Verde do Salnés no Concello de Pontevedra, un programa de iluminación de espazos naturais,  a creación de novos roteiros turísticos pola zona vella, as melloras na sinalización dos puntos de interese turístico, o impulso ás novas tecnoloxías e a organización de famtrips, blogtrips e feiras virtuais. 

Partes fundamentais do plan serán a formación do sector turístico, a creación dun observatorio turístico e a constitución dun ente xestor con profesionais cualificados.