Tres hoteis e un restaurante de Sanxenxo, escenario de prácticas para os alumnos da FP Dual de Hostalaría e Restauración

Sanxenxo
31 de xaneiro 2025
Actualizado: 14:41

O obxectivo do ciclo é que o alumnado se incorpore de forma inmediata ao mercado laboral ou que continue a súa formación nun ciclo superior. A inserción laboral da primeira promoción foi do 90%

Alumnado do primeiro curso da FP dual de cociña e restauración
Alumnado do primeiro curso da FP dual de cociña e restauración / Concello de Sanxenxo

Seis alumnos da segunda promoción da FP Dual de Hostalaría e Restauración xa están a traballar. Desde principios deste mes realizan prácticas en tres hoteis de Sanxenxo, o Carlos I, o Augusta e o Gran Talaso Hotel Sanxenxo, e no restaurante Mardivino.

Tras concluír o seu período de formación no IES Vilalonga e no Hotel Sixto, os alumnos terán a posibilidade de seguir aprendendo nunha contorna laboral durante o próximos cinco meses, un período superior que na anterior promoción.

"A resposta das empresas locais está sendo excepcional", explicou Rubén Otero, profesor deste ciclo, que considera "fundamental" que o tecido económico do municipio se implique na formación destes mozos "para que a experiencia conclúa con éxito".

O obxectivo deste ciclo é que o alumnado se incorpore de forma inmediata ao mercado laboral ou que continue a súa formación nun ciclo superior si quere ampliar os seus estudos.

A inserción laboral da primeira promoción, apunta Otero, foi do 90%, unha porcentaxe que será moi similar neste segundo ano, ao ser un ciclo "xa plenamente asentado e moi necesario nesta comarca".

O ciclo impártese en dous espazos diferenciados, a parte teórica e común no IES de Vilalonga e a parte práctica, durante este curso, no Hotel Sixto.

O Concello, pola súa banda, colabora co financiamiento do aluguer do hotel, o traslado en autobús e a limpeza durante todo o período de formación.

A FP Dual de Hostalaría e Restauración impartirase, en canto se execute a remodelación integral do edificio principal, no colexio O Cruceiro onde está previsto que comecen as obras o proximamente.

A adxudicataria do proxecto acometerá a reforma por 2,8 millóns de euros.

O Concello conta para esta actuación cunha axuda de 1,9 millóns do programa de impulso para a rehabilitación de edificios de titularidade pública (PIREP), que se completará con fondos propios para o orzamento total da obra. O prazo de execución é de 14 meses.