A presidenta da Deputación, Carmela Silva; o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores acompañados por outros rexedores da provincia inauguraban este sábado 12 a feira Etiqueta Negra no Recinto Feiral de Pontevedra.
Durante tres días, este evento ofreceun punto de encontro para empresas, produtores, profesionais da alimentación, restauración e distribución, ademais de ofrecerse como un espazo para aqueles consumidores que cada día valoran máis a calidade e o proceso de elaboración dos produtos de alimentación.
Máis de 50 empresas participan como expositores nesta feira caracterizándose pola súa singularidade, a súa orixinalidade e pola calidade dos seus produtos galegos.
Ata o luns, en horario ininterrompido desde as 11.00 ata as 20.00 horas, prestixiosos cociñeiros galegos, gañadores de estrelas Michelín, Soles Repsol e integrantes do Grupo Nove, van compartir cartel e receitas con cociñeiros emerxentes coa idea de elaborar pratos con produtos galegos da máis alta calidade.
Ao mesmo tempo, desenvolveranse charlas, presentaciónsde empresas e de novas liñas gourmet, con degustacións, demostracións e catas comentadas, entre outras actividades que propón esta cita con grandes firmas expositoras e con produtos delicatessen.
Ao longo do recinto pódense apreciar desde marmeladas ata cervexas, viños, queixos, cafés, tés, galletas, carnes, doces, conservas e cogomelos para que calquera visitante poida probar distintos alimentos e bebidas.
Tamén se atopa en funcionamento unha zona de negocios, na que está previsto que se celebren máis de 300 reunións de traballo.
PROGRAMA PARA O DOMINGO 13
A segunda xornada da feira Etiqueta Negra dará comezo ás 11:30 horas co showcooking de Dolores Valcárcel, a televisiva Abuela Lolita de Canal Cocina. A cociñeira sarriana dará a probar ao público asistente fabes verdinas de Lourenzá con polbo e con ameixa de Carril.
A continuación, ás 12:30 horas, Iñaki Bretal, chef e propietario do restaurante O Eirado da Leña, centrará a súa demostración de cociña na peneira de mar, tamén coñecida como abalón. O marisco máis caro do mundo (100 grs. custan 180 euros) é unha delicia gastronómica das costas galegas pouco recoñecida no noso país pero moi cotizada nos mercados asiáticos.
O programa vespertino estará dedicado aos cociñeiros da cidade de Pontevedra. Ás 17:00 horas, Guillermo Vidal, chef de El Viajero del Norte, fusionará produtos e sabores da cociña de aquí con elaboracións distintas de Asia e México. Realizará unha proposta culinaria de 6 pratos consistente en dim sum de lacón con grelos, dim sum de gambas ao allo, empanadilla viaxeira, tacos de croca galega, ramen de cocido galego e un churrasco moi asiático.
A pesca artesá será ás 18:00 horas a protagonista no showcooking de Nacho Tierno, o novo chef da Creperie Cre-Cottê. Tiradiño de xurel e encurtidos, cebiche de zamburiñas, sashimi de merluza á galega, navalla "x.o." e nori, fabes de Lorenzá de tenreira e queixo de cabra e cigala.
Unha hora máis tarde, Rubén González, de El Cafetín, amosará o seu bo facer coas tapas co que non só cativou ao xurado e ao público da pasada edición do concurso gastronómico Pontedetapas senón tamén ao do certame "De tapas por Galicia".