Tres días de loito oficial polo crime de Ponte Caldelas

Ponte Caldelas
28 de novembro 2015

Como "lamentable e tráxico" cualificou o alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, o homicidio que tivo lugar este sábado nunha céntrica rúa da vila. O rexedor, en declaracións aos medios de comunicación, manifestou que todo o pobo está "consternado e conmocionado" pola morte de Manuel Rivas Muíños, cuxa autoría confesou un mozo tamén da vila, veciño de Xustáns

Traballadores do Concello de Ponte Caldelas colocando as bandeiras a media asta
Traballadores do Concello de Ponte Caldelas colocando as bandeiras a media asta / Diego Torrado

Como "lamentable e tráxico" cualificou o alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, o homicidio que tivo lugar este sábado nunha céntrica rúa da vila.

O rexedor, en declaracións aos medios de comunicación, manifestou que todo o pobo está "consternado e conmocionado" pola morte de Manuel Rivas Muíños, cuxa autoría confesou un mozo tamén da vila, veciño de Xustáns. 

Ademais, anunciou a celebración dun pleno urxente para este luns día 30 de novembro ás 13:00 horas, no que se declararán tres días de loito oficial durante os cales ondearán a media asta as bandeiras do Consistorio.

Así mesmo celebrarase unha concentración silenciosa diante do Concello ao finalizar a sesión plenaria na que poderán participar todos aqueles veciños que o desexen, en repulsa por este acto de violencia e como mostra de solidariedade e apoio ás familias afectadas.

O alcalde de Ponte Caldelas manifestou a súa máis enérxica repulsa cara aos que exercen calquera tipo de violencia e insistiu na necesidade de inculcar na nosa sociedade valores como o respecto e a tolerancia á hora de resolver calquera conflito, educando na igualdade e a consideración cara aos demais seres humanos.

Tamén quixo enviar unha aperta solidaria ás familias afectadas por este suceso e transmitirlles o apoio de todos os veciños de Ponte Caldelas nestes difíciles e tristes momentos.