Tres días de loito oficial en Cerdedo-Cotobade en memoria das vítimas do autobús

Cerdedo-Cotobade
25 de decembro 2022

O alcalde, Jorge Cubela, fixo un chamamento aos veciños para que participen nunha concentración que se celebrará ás 12:00 horas, ante a casa do concello de Cerdedo, na que se gardará un minuto de silencio en memoria dos falecidos

As autoridades, con Alfonso Rueda e Maica Larriba entre eles, no lugar do accidente
As autoridades, con Alfonso Rueda e Maica Larriba entre eles, no lugar do accidente / Xunta de Galicia

O Concello de Cerdedo-Cotobade decretou tres días de loito oficial polas seis vítimas mortais que deixa o accidente sufrido onte á noite por un autobús que caeu ao río Lérez con oito persoas no seu interior.

O alcalde, Jorge Cubela, fixo un chamamento aos veciños para que participen nunha concentración que se celebrará ás 12:00 horas, ante a casa do concello de Cerdedo, na que se gardará un minuto de silencio en memoria dos falecidos.

Con este acto, a corporación municipal quere expresar a solidariedade do pobo de Cerdedo-Cotobade coas familias e amigos dos seis falecidos, así como cos dous feridos.

Entenden que "hai que enviarlles nestes momentos tan difíciles unha mensaxe de pesar ante a traxedia que marcou a Noiteboa e o Nadal non só no municipio senón a nivel de toda Galicia e España", apunta o Concello nun comunicado.

Arquivado en