Tres detidos en Pontevedra, Vilagarcía e Ponteareas por corrupción de menores

Pontevedra
19 de novembro 2021

Axentes da Policía Nacional pertencentes á UDEF-Ciberdelincuencia finalizaron a fase operativa da Operación Cuervo, actuación policial contra a pornografía infantil

Axente da Policía Nacional
Axente da Policía Nacional / Policía Nacional

Axentes da Policía Nacional pertencentes á  UDEF-Ciberdelincuencia finalizaron a fase operativa da Operación Cuervo, actuación policial contra a pornografía infantil.

Segundo informaron fontes oficiais da comisaría provincial de Pontevedra, os axentes policiais detiveron tres persoas, hai un investigado non detido e incautaron numerosos equipos informáticos.

A investigación iniciouse no primeiro trimestre do ano 2021, cando o grupo contra a explotación sexual de menores na internet da Brigada Central de Investigación Tecnolóxica alertou da existencia deste tipo de actividades nesta provincia.

Por parte da Unidade de Delincuencia Económica e Fiscal-Ciberdelincuencia da Brigada Provincial de Policía Xudicial, realizáronse as primeiras xestións de investigación, posteriormente dirixidas polo Xulgado de Instrución de Pontevedra correspondente, aínda que finalmente ao ramificarse noutras localidades desta provincia, participaron Xulgados doutros partidos xudiciais: Vilagarcía de Arousa e Ponteareas.

A Policía Nacional lembra que gardar ou compartir imaxes sexuais de menores é un delito, en caso de ter coñecemento da súa existencia, deben denunciar o contido e poñelo en coñecemento da Policía, denunciando os feitos  presencialmente ou mesmo a través da páxina Web da Policía: denuncias.pornografia.infantil@policia.es

A operación continúa aberta.