Tres detidos en Arousa por distribuír heroína e cocaína por toda Galicia

O Salnés
17 de setembro 2021
Actualizado: 17:42

Neste operativo, que foi bautizado co nome de "Galapagar-Duque- Leucipo", os axentes lograron desarticular unha organización que, segundo as autoridades, era "especialmente activa" na distribución de "importantes" cantidades de droga

Efectos intervidos na operación "Galapagar-Duque-Leucipo"
Efectos intervidos na operación "Galapagar-Duque-Leucipo" / Guardia Civil / Policía Nacional

Tres persoas foron detidas na zona de Arousa acusadas de formar parte dunha rede de narcotráfico dedicada á distribución de heroína e cocaína por toda Galicia.

O principal investigado é Javier Vázquez, alias O Marqués, que foi detido cando se atopaba de permiso porque actualmente está interno no Centro de Inserción Social Carmen Avendaño de Vigo. Segundo confirmaron fontes da investigación, tras pasar a disposición xudicial, o xuíz acordou o seu ingreso en prisión

Este venres tamén pasaron a disposición xudicial os outros dous detidos. Segundo puido saber PontevedraViva, os dous quedaron en liberdade en calidade de investigados

A operación, desenvolta de maneira conxunta pola Garda Civil e a Policía Nacional, despregouse ao longo dos dous últimos días baixo a dirección do xulgado de instrución número 3 de Vilagarcía e do fiscal antidroga de Pontevedra.

Neste operativo, que foi bautizado co nome de "Galapagar-Duque- Leucipo", os axentes lograron desarticular unha organización que, segundo as autoridades, era "especialmente activa" na distribución de "importantes" cantidades de droga.

Esta organización, engaden, viña operando "de maneira fulgurante" e estaba asentada nunha zona "especialmente sensible" en relación ao narcotráfico, desde a que movían un volume "elevadísimo" de heroína e cocaína.

Os investigadores detectaron o pasado mércores un posible traslado de droga á provincia da Coruña, que puido ser frustrado grazas ao dispositivo de vixilancia despregado.

Nesta primeira acción, foron detidas dúas persoas e incautouse máis de medio quilogramo de cocaína e uns tres gramos de heroína.

Horas máis tarde, a Garda Civil e a Policía Nacional detiveron o terceiro integrante desta rede e rexistraron tres inmobles, dous en Catoira (Pontevedra) e outro en Brión (A Coruña). Ao día seguinte, os axentes entraron nun cuarto domicilio de Vilagarcía de Arousa.

Nestes catro rexistros, as autoridades acharon unha gran cantidade de útiles empregados para a preparación da droga e numerosos elementos de gran interese para a investigación.

No operativo participaron axentes do Equipo de Delincuencia Organizada e Antidroga (EDOA) da Garda Civil de Pontevedra, a Unidade de Drogas e Crime Organizado (UDYCO) de Pontevedra e o Grupo de Estupefacientes da Policía Nacional de Santiago.

Contaron coa colaboración, entre outras unidades, de patrullas de seguridade cidadá da Comisaría de Policía de Pontevedra ou con cans do servizo cinolóxico da Garda Civil.