O Concello de Pontevedra avanza no deseño do plan de seguridade que se aplicará este venres 31 de agosto e o sábado 1 de setembro para garantir que a Feira Franca se celebre sen incidentes. O operativo implicará a Policía Local, os Bombeiros, Cruz Vermella, Protección Civil e ambulancias e obrigará a cortes e restricións de tráfico en toda a cidade que se darán a coñecer ao longo da semana.
No casco histórico, quedarán pechadas totalmente trece rúas pola instalación de mesas de persoas participantes no evento. Serán Tetuán, Padre Isla, Figueroa, San Sebastián, Churruchaos, Cousiño, Violiña, San Nicolás, Palma, Florez, San Xulián, Maceda e Arco.
O operativo xa se porá en marcha o venres, xornada de inauguración da Feira Franca, entre as 21.30 horas e as 00.30 horas da madrugada do sábado. Implicará vehículos e dotacións de Cruz Vermella, Protección Civil e os Bombeiros, ademais da Policía Local.
O sábado 1 será o operativo máis importante. Durante toda a xornada haberá un posto médico avanzado (PMA) no Teatro Principal; tres vehículos asistenciais na praza de Valentín García Escudero, a rúa Michelena e a Subdelegación do Goberno; dous vehículos de Protección Civil na praza de Ourense e outros tantos dos Bombeiros repartidos entre a praza de España e a praza de Valentín García Escudero.
Ademais, todas as mesas autorizadas a ter lume deberán ter un extintor propio e haberá instalada unha batería de extintores en oito puntos distintos do casco histórico: no bar Borona de Curros Enríquez, no bar Cámara da praza do Teucro, no Chirala da praza de Méndez Núñez, no Parador da rúa Barón, no bar Marilyn na confluencia entre as rúas San Xulián e Arco, no hotel Rúas na praza da Verdura, no Cafetín da Alameda e na cafetería Blanco y Negro das Palmeiras.
A Policía Local tamén porá en marcha un operativo que inclúe distintas rutas para que cada uno dos vehículos asistenciais e de emerxencia teñan estipulado por onde terán que circular en caso de que sexa necesaria a súa intervención no recinto da Feira Franca. Estará operativo a partir das 10.30 horas do sábado e rematará ás 4.00 horas da madrugada do domingo.
Tamén a praza de touros terá un plan de seguridade específico con motivo do Torneo Medieval que se celebra na praza en horario de tarde e no que se calcula a presenza de miles de persoas. O recinto ten unha capacidade total de 7.375 persoas sentadas nas prazas numeradas, aínda que non se recomenda un aforo superior a 5.000 persoas.