Trece restaurantes participarán nas xornadas de exaltación do polbo de Bueu

Bueu
23 de abril 2024

Haberá actuacións de charangas, rutas guiadas sobre a historia do polbo, exposición sobre artes de pesca e homenaxe ao artista local Luís Davila coa inauguración dunha escultura

Presentación das Xornadas de Exaltación do Polbo de Bueu
Presentación das Xornadas de Exaltación do Polbo de Bueu /

O Concello de Bueu, coa colaboración da Confraría de Pescadores San Martiño e a hostalaría da vila, promove as Xornadas de Exaltación do Polbo de Bueu, un evento gastronómico e de promoción do produto local que se celebrará do 26 de abril ao 5 de maio e no que participarán trece establecementos culinarios.

Ao longo desa semana, as persoas que se acheguen poderán gozar de arredor dunha vintena de especialidades elaboradas polos restaurantes da vila co polbo como protagonista, dende o tradicional ‘polbo á feira’ ata propostas máis innovadoras. E para amenizar o ambiente, tamén se programarán actuacións de charangas musicais pola rúa e pola propia hostalaría, con grupos como Noroeste, Alambique, Os Jaláticos ou Retrouso de Cela.

As xornadas substitúen á Festa do Polbo, que levaba xa unha vintena de edicións ás costas e que demandaba un cambio de formato. 

Dado que o obxectivo da festa é seguir promovendo o polbo de Bueu, o Concello, man a man coa confraría, subvencionará unha parte do prezo do produto, co obxectivo de que se poidan manter os prezos populares para as persoas consumidoras.

As xornadas arrancarán este venres con diversas propostas nos locais O Rincón de Cela, Pyramis, Casa Benito, Volver, Noite Tapas, Casa Quintela, A Taberna de Casa Videira, Cafetería do Centro Social, O Pazo, Buena Vibra, Pan non Noah, A Centoleira e Zarzamora.

Tamén ao longo da semana, na Sala Amalia Domínguez Búa poderase ver unha exposición sobre artes de pesca do Patrón Maior, José Manuel Rosas.

O 4 de maio terá lugar un dos eventos máis especiais: a homenaxe a Luís Davila, artista local recoñecido polas súas míticas viñetas de 'O Bichero'. Ese día nos Xardíns de María Eugenia descubrirase unha escultura deseñada por Davila, nun acto que se celebrará ás 12.30 horas. 

A Illa de Ons tamén será protagonista, cunhas xornadas do polbo que se desenvolverán o 5 de maio nos locais O Pirata, Casa Checho e Casa Acuña.

E para as persoas que desexen coñecer os espazos do polbo, organízanse as dúas rutas guiadas "Bueu e o polbo", que serán o 28 de abril e o 3 de maio ás 10 horas, e para as que se necesita inscrición previa de balde a través dun formulario web ou no teléfono 986390029.