Este venres 17 de marzo comeza a sexta edición de 'As mulleres que opinan son perigosas' no Teatro Principal. Este foro está impulsado por Diana López e Susana Pedreira, que serán as encargadas de inauguralo ás 12:00 horas acompañadas por Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra, e Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde do Concello de Pontevedra.
Ás 12:30 Alba Moledo, xornalista do Diario de Pontevedra, tomará a palabra con 'Malcriadas e deslinguadas. A opinión centennial en clave local'. A continuación, ás 13:15, as redes sociais estarán representadas no acto da man da creadora de contidos Sindy Takanashi con 'Activismo e influencia: responsabilidade e viralidade na opinión con perspectiva feminista para Instagram'.
Pola tarde, intervirán Aida Pena, da Cadena SER; Nuria Labari, da sección de opinión en El País; e María Guerra, periodista e crítica de cine. Mara Torres, xornalista na Cadena SER, será a encargada de pechar a xornada ás 19:30 con 'Conversacións, experiencias e humor: a noite é súa'.
O sábado 18 de marzo participarán Paula Montes, periodista en Radio Vigo; Antía Paz, do xornal Luzes; e Paloma Rando, Marta Peirano e Laura Ferrero, escritoras de artículos en El País. Ademais, María Martín falará de linguaxe inclusiva e Rosa María Calaf, histórica corresponsal de TVE, será a encargada de pechar a xornada.
Como iniciativa complementaria á celebración do foro, a Deputación e o Concello veñen de publicar as bases da primeira edición dos Premios #MulleresQueOpinan.
Otorgaranse 1.000 euros aos mellores artigos de opinión escritos en galego e en castelán sobre as temáticas que se aborden nas conferencias ou que se traten nas roldas de prensa. Ademais, serán publicados nos principais xornais da provincia de Pontevedra.
O único requisito, ademais da temática, será que o texto acredite ter asistido ao foro e inspirarse nel para escribir a peza de opinión. En canto á extensión, sen contar espazos, non poderán exceder dos 3.000 caracteres, e constarán de titular e corpo. Os artigos orixinais poden ser inéditos ou teren sido publicados por xornalistas que cubrisen as xornadas do foro e os publicasen nos medios nos que traballan.