Este mércores 27 o Diario Oficial de Galicia (DOG) publica a convocatoria de Oferta Pública de Emprego (OPE) na que figuran 106 prazas de médico de Atención Primaria. Desa cifra, 21 prazas destinaranse a 13 centros de saúde da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, segundo informa a Consellería de Sanidade.
A repartición será o seguinte: o centro de saúde Virxe Peregrina con tres prazas; A Parda e Lérez en Pontevedra; Vilaboa; Moraña; Cambados con outras tres prazas; Ribadumia; Marín con dúas prazas; O Grove; Ponte Caldelas; Meaño; Sanxenxo-Baltar e catro prazas no centro de saúde de San Roque en Vilagarcía de Arousa.
O proceso de selección utilizará o sistema de concurso de méritos coa intención de solucionar o déficit actual de persoal facultativo en Atención Primaria. O número de prazas da OPE repártense en 73 de quenda de acceso libre; 6 para persoas con discapacidade e 27 para promoción interna.
Neste procedemento participarán todos aqueles médicos internos residentes (MIR) que se atopen no último ano de formación na especialidade de Medicina Familiar e Comunitaria. Estas prazas ofrecen un carácter mixto ao combinar a atención sanitaria nos centros de saúde e nos Puntos de Atención Continuada (PAC). Para posibilitar a participación dos MIR que figuran no seu último ano de formación na especialidade de Medicina Familiar e Comunitaria, o prazo de acreditación do título da especialidade e dos méritos asociados poderán presentarse ata o último día do prazo de reclamación ante a lista provisional de admitidos e excluídos do proceso.
O prazo de presentación de solicitudes finaliza o 31 de maio e as persoas interesadas deberán presentar o modelo normalizado a través da Oficina Virtual do Profesional (Fides/expedient-e/Sección de Procesos/ OPE).
As persoas seleccionadas neste proceso deberán acreditar dous anos de permanencia na situación de servizo activo no desenvolvemento das funcións desta categoría. Despois poderán participar, a través de promoción interna, nos procesos de selección fixa para o acceso ás categorías de persoal médico de familia, de urxencias hospitalarias ou persoal médico de hospitalización a domicilio, para as que habilita a mesma titulación de acceso.
Pasado un ano da toma de posesión da praza terán a posibilidade de participar no concurso de traslados aberto e permanente para o acceso a outros destinos da mesma categoría, dentro dos centros dependentes do Sergas.
Con esta convocatoria pública, segundo a Xunta, Galicia convértese na primeira comunidade en adoptar este sistema selectivo para captar médicos.