A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade confirmou que, tras a última actualización de datos da mañá deste sábado, o número de casos confirmados de coronavirus na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés ascende a 13, dous máis que na serán do venres.
Segundo os datos oficiais facilitados, ningún deles permanece na UCI, cinco atópanse hospitalizados e oito están en illamento nos seus domicilios.
De momento, ningún dos pacientes que deu positivo en coronavirus na área sanitariar recibiu o alta, como si sucedeu noutras zonas de Galicia. pero cabe ter en conta que o primeiro positivo de Pontevedra é posterior ao desas zonas. Así, un home de 45 anos deu positivo na primeira análise o domingo e confirmouse o caso o mércores á primeira hora.
En toda Galicia, o número total de casos ascende este sábado a 135, deles 55 son da área da Coruña, 7 da de Lugo, 15 da de Ourense, 13 da de Pontevedra, 23 da área de Vigo, 17 da de Santiago, e 5 da de Ferrol.
En tota Galicia, do total de pacientes positivos, 7 permanecen en UCI, 27 están en unidades de hospitalización e 101 no domicilio. Por outra banda, rexistráronse xa as tres primeiras altas de pacientes, no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña; e un falecemento na área de Vigo, dunha muller de 92 anos, con múltiple patoloxía, que se atopaba ingresada no Hospital Povisa, e que dera positivo na proba de coronavirus. Tratábase dun caso importado.
A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.
O Sergas puxo ao dispor da cidadanía unha páxina web (https://coronavirus.sergas.es), na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e para outros colectivos.