O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, reafirmou o compromiso do Goberno coa mellora da N-541 e anticipou que o Ministerio de Transportes traballa para licitar "canto antes" a anunciada obra de asfaltado integral desta estrada entre os puntos quilométricos 51 e 68 ao paso por Cerdedo-Cotobade e Forcarei, ata o límite xa coa provincia de Ourense no Paraño. Estas actuacións contan cun orzamento estimado de 4 millóns de euros.
Abel Losada vén de manter unha xuntanza de planificación co xefe da Demarcación de Estradas do Estado en Galicia, Ángel del Río, tras a que informou de que esta obra, de 17 quilómetros de lonxitude, está entre as prioridades do Ministerio e, de feito, "vai ser unha das actuacións de conservación máis importantes das que se van executar a curto prazo".
A intervención sumarase ao pronto remate das obras de ampliación da sección do taboleiro e reforzo dos sistemas de contención da ponte de Pedre sobre o río Lérez, onde se están a investir outros 1,1 millóns de euros.
O subdelegado do Goberno incidiu en que o compromiso coa mellora da N-541 "está claro" e por iso reclamoulle, "coa máxima cordialidade", ao alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, que "deixe de utilizar todos e cada un dos incidentes que se producen na N-541 ao paso polo seu termo municipal para a alimentar a política de ruído e crispación da que a cidadanía esta máis que farta".
"Este tipo de política resulta totalmente inadmisible cando se adentra en cuestións como a seguridade viaria", sinalou.
Por iso, Abel Losada pediulle "mesura" a Cubela. "Nin busco polémicas nin as propicio, pero véxome na obriga de responder porque non me parece serio que un alcalde se dedique a facer comunicados e a difundir fotografías dunha saída de vía nun tramo recto, dotado con tres carrís e limitado a 50 Km/h no que non houbo feridos e mesmo os danos materiais foron moi escasos", dixo.
Así, preguntouse tamén o subdelegado se o alcalde emite o mesmo tipo de comunicados cando as saídas de vía se producen en estradas autonómicas ou municipais "porque evidentemente este tipo de incidentes menores e tamén outros accidentes de moita máis importancia, prodúcense en vías de competencia da Xunta, da Deputación ou do Concello".
Losada recordou que neste tramo da N-541, "como mesmo recoñece o alcalde", o Ministerio intentou no ano 2018 construír unha vía de servizo e un medianil e nin o Concello nin os veciños quixeron esta obra. Agora, despois de rexeitar aquela mellora, o afirma que quere que se constrúan valados "quitamedos" nun tramo recto, limitado a 50 Km/h, e con boa visibilidade.
"Pero non todo o mundo pode presentarse como un experto en seguridade viaria e na Demarcación de Estradas e na Xefatura e no Subsector de Tráfico temos profesionais cunha altísima cualificación técnica que saben perfectamente identificar as necesidades", engadiu. Así mesmo, lembrou que "a seguridade viaria require dunha planificación correcta para optimizar os recursos e, por tanto, dunha priorización en función das necesidades reais".
O subdelegado concluíu explicando que "diante das opinións cómpre sempre valorar a forza dos datos". Neste censo recorda que a estatística de accidentalidade do ano 2023 volveu referendar que a maioría dos sinistros graves prodúcense nas estradas autonómicas. No que vai deste ano 2024, adiantou Abel Losada, "lévanse producido seis accidentes mortais na nosa provincia, ningún deles na N-541".
"De feito os datos volven demostrar que as estradas autonómicas son as máis perigosas, pois rexistraron catro dos seis falecementos (na PO-325, PO-552, PO-254 e PO-224), mentres que só un foi nunha vía estatal (A-55) e outro nun camiño veciñal", precisou.