Transportes acepta ceder ao Concello a avenida de Compostela e a N-550 até Alba

Pontevedra
14 de xaneiro 2025

"É un tema realmente importante e estamos satisfeitos", subliñou o alcalde, que avanzou que entre os temas abordados estivo tamén a continuidade do paseo peonil entre Pontevedra e Marín

Xuntanza entre o alcalde de Pontevedra e o secretario de Estado de Transportes, José Antonio Santano
Xuntanza entre o alcalde de Pontevedra e o secretario de Estado de Transportes, José Antonio Santano / Concello de Pontevedra

Pontevedra farase coa titularidade da avenida de Compostela e de todo o tramo da estrada N-550 entre Pasarón e Alba. Esta cesión, solicitada polo goberno municipal ao Ministerio de Transportes, permitirá desbloquear a construción da variante de Alba.

Ambas as partes sentaron as bases para esta cesión durante un encontro "longo e cordial" que mantiveron en Madrid o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e o secretario de Estado de Transportes e Mobilidade Sostible, José Antonio Santano.

Fernández Lores destacou como un "avance significativo" que xa exista un informe favorable desde as demarcacións e unidades de estradas para esta transferencia, quedando pendente tan só a autorización definitiva por parte da Dirección Xeral de Estradas.

Desde o ministerio, segundo explicou o alcalde pontevedrés, mostraron o seu compromiso de que esta cesión se materialice "no menor tempo posible".

"É un tema realmente importante e estamos satisfeitos co resultado deste encontro", subliñou o rexedor, que tamén avanzou que entre os temas abordados nesta reunión estivo a continuidade do paseo peonil e ciclista entre Pontevedra e Marín.

A este respecto, o secretario de Estado confirmou aos representantes municipais que os ministerios de Transportes e Transición Ecolóxica xa tiveron reunións para abordar esta actuación "pero que terán que ter máis reunións para que avance".

O alcalde lembrou que a finalización deste paseo formou parte do acordo de investidura de Pedro Sánchez entre PSOE e BNG, polo que Santano avanzou que se retomarán as reunións para enfocar "definitivamente" este proxecto.

Ademais, sobre o baipás de Mollavao, Lores detallou que a autorización pendente de ADIF para poder abrir o novo viario caducou cando o Concello esperaba polo informe de Costas e a administración municipal tivo que volver remitir toda a documentación.

O Concello confía en que este permiso sexa "algo inmediato", porque xa se remitiu toda a documentación necesaria para renovar a autorización que ADIF outorgou no seu día.