A Capitanía Marítima de Vilagarcía de Arousa, dependente da Dirección Xeral da Mariña Mercante, do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible, abriu en 2024 un total de 81 expedientes sancionadores a embarcacións, o que supón un 21,3% menos que en 2023, ano no que se iniciaron 103.
Os expedientes sancionadores abríronse principalmente a embarcacións de recreo por falta de titulación para gobernar a embarcación, de seguro e/ou de material de seguridade regulamentario, entre outras causas.
Estes datos despréndense do balance do ano 2024 da Capitanía Marítima de Vilagarcía de Arousa, que ten entre as súas competencias garantir o salvamento de vidas humanas no mar, a seguridade marítima, a prevención e loita contra a contaminación e o control do tráfico marítimo.
Así mesmo, de acordo con estes datos, esta Capitanía tramitou o ano pasado un total de 126 denuncias interpostas pola Garda Civil do mar por infraccións contra a seguridade marítima e pola contaminación do medio mariño, o que supón un o 55% menos que en 2023, ano no que se tramitaron 231 denuncias.
En xeral, a redución de infraccións detectadas está relacionada cun maior control e tamén co descenso da actividade pesqueira e marisqueira na zona.
Por outra banda, a Capitanía Marítima dirixiu un total 67 emerxencias marítimas, entre as que destacan o afundimento da embarcación 'Hermanos Rey', con resultado dun falecido, así como outras actuacións que, sen ser emerxencias, ocuparon a este órgano periférico de Mariña Mercante, como a contaminación por pellets procedente do buque 'Toconao'.
Ademais, inspeccionáronse 664 buques, 18 deles estranxeiros, para garantir que cumprían coas normas de seguridade establecidas.
Durante o ano pasado, no ámbito da Capitanía e dos seus Distritos marítimos (Ribeira, Caramiñal, Cambados e O Grove) levaron a cabo 4.799 despachos de buques, principalmente pesqueiros, e tramitáronse 9.916 enroles e desenroles de tripulación.
No ámbito normativo destaca a entrada en vigor das normas locais de seguridade marítima, revisadas para incorporar a singularidade da contorna de Guidoiros e Rúa, e a participación na norma que regula o funcionamento das embarcacións que se dedican á recolección da mexilla (larva do mexillón).
PLAN ESPECIAL DO PORTO DE VILAGARCÍA
Por outra banda, o Consello de Administración da Autoridade Portuaria de Vilagarcía, reunido este xoves en sesión ordinaria, aprobou a formulación da modificación puntual do Plan especial do Porto de Vilagarcía para a súa correspondente tramitación urbanística.
O obxecto da modificación é incorporar ao Plan especial as superficies que se xeraron nos peiraos Comercial e de Ferrazo (23.173,53 m² e 66.802,08 m² respectivamente) coa execución das obras previstas no Plan Director do Porto de Vilagarcía aprobado no ano 2002, e adaptar as determinacións urbanísticas e condicións de aproveitamento e volumetría á realidade actual do Porto.
Os usos desas zonas xa estaban previamente definidos a través da Delimitación de Espazos e Usos Portuarios (DEUP).
O seguinte paso na tramitación da modificación puntual será a presentación da proposta ante ao Concello de Vilagarcía, que é o órgano encargado da súa tramitación.
TRÁFICOS
Ademais, o presidente presentou aos membros do Consello un informe provisional de tráficos do primeiro trimestre do ano, a falta duns días para o seu peche. Mantense a positiva evolución dos tráficos, xa que o período xaneiro-marzo pecharase cun incremento de tráficos do 9% con relación ao mesmo período do pasado ano. O total de toneladas movidas ascende a 356.404, case 30.000 máis que no primeiro trimestre do pasado exercicio.
Por categorías, os graneis líquidos achegan 68.646 toneladas a este balance, fronte ás 54.882 do mesmo período do pasado ano. Nesta categoría o aceite é o primeiro produto por número de toneladas.
Nos graneis sólidos o incremento é máis moderado pero igualmente pecha o trimestre en positivo, cunha subida porcentual do 11,3% e un total de 92.918 toneladas. Encabezan esta estatística cereal e urea, seguidos do cemento por instalación. Destaca tamén a achega dos produtos encadrados no epígrafe "outros graneis sólidos".
Finalmente na categoría de mercadoría xeral o peche provisional do trimestre apunta a unha subida do 3,2%, rozándose as 195.000 toneladas neste período. O taboleiro é o produto con maior incremento porcentual e o aluminio encabeza a estatística por número de toneladas movidas.