Transportar menores en bicicleta con remolque está prohibido en Pontevedra e o PSOE quere regulalo

Pontevedra
11 de xaneiro 2024

O grupo municipal do PSOE de Pontevedra rexistrou este mércores 10 de xaneiro unha proposición normativa coa que pretende impulsar unha modificación da ordenanza reguladora da mobilidade amable e da utilización dos espazos públicos no Concello de Pontevedra

Os concelleiros do PSOE Yoya Blanco e Iván Puentes, con Quique Pérez, portavoz de Pedaladas
Os concelleiros do PSOE Yoya Blanco e Iván Puentes, con Quique Pérez, portavoz de Pedaladas / PSOE de Pontevedra

O grupo municipal do PSOE de Pontevedra rexistrou este mércores 10 de xaneiro unha proposición normativa coa que pretende impulsar unha modificación da ordenanza reguladora da mobilidade amable e da utilización dos espazos públicos no Concello de Pontevedra, co obxectivo de darlle cobertura legal ao transporte de menores e o uso de remolques en bicicleta.  

A proposta foi presentada publicamente nunha comparecencia conxunta do portavoz municipal do PSOE, Iván Puentes, e Quique Pérez, representante do colectivo Pedaladas, que leva anos demandando unha regulación dos remolques das bicicletas.

Integrantes de Pedaladas detectaron a incerteza legal coa que se atopan os usuarios de bicicleta con remolque para transportar menores.

En concreto, Pérez, achegaba o exemplo dun pai que na porta da gardería foi avisado por un policía local conforme non podía levar nun remolque acaroado á bicicleta aos seus fillos. Foi avisado, pero non multado, sanción que de ser efectiva chegaría aos 200 euros.

Explicaba Pérez que paradoxalmente na zona peonil do casco urbano non se pode circular con este remolque, pero si sería posible se, no canto de pedalear, o adulto fose empurrando a bicicleta co remolque a pé.

Tamén aludía ao caso da coñecida como familia Supertramp que percorreu Europa durante un ano transportando os seus fillos nun remolque. "Chegaron ata Polonia sen problemas e cando estaban en Pontevedra un policía local páralles na rúa Eduardo Pondal", manifestaba o portavoz de Pedaladas.

A mesma regulación esténdese no caso de que neste remolque, no canto de menores, se transportasen mercadorías. "Non ten sentido que non se poida circular en bicicleta por Pontevedra cun carriño, nin sequera levando a compra", remarcaba o representante de Pedaladas.

PROPOSTA DE MODIFICACIÓN

O portavoz municipal do PSOE expoñía que, para regularizar este tipo de situacións, o seu grupo pretende que se inicien os trámites para modificar o artigo 9 da Ordenanza, engadindo ao seu punto 4 (relativo á Circulación de vehículos polas calzadas), un novo parágrafo.

"A circulación á que se refiren os puntos anteriores deberá efectuarse cos requisitos e condicións que determine a normativa xeral e nas condicións específicas desta ordenanza, ademais de respectar a sinalización existente".

De acordo con isto, as bicicletas poderán estar dotadas de elementos accesorios adecuados para o transporte diúrno e nocturno de menores e de carga (animais ou mercadoría), tales como cadeiras acopladas, remolques, semirremolques, semibicis e outros elementos debidamente certificados ou homologados, coas limitacións de peso e prazas que ditos dispositivos estipulen no seu manual de instrucións e cando a persoa condutora sexa maior de 16 anos. É obrigatorio que os/as menores utilicen o correspondente casco protector homologado".

Argumenta Puentes que a Dirección Xeral de Tráfico deixa en mans dos concellos o regulamento da circulación destes vehículos nas vías urbanas, pero que cando se redactou a ordenanza de Pontevedra o goberno local non contemplou esta posibilidade. Por iso, solicita a modificación do texto do mencionado artigo. 

Ademais, Puentes precisou que a modificación da ordenanza que propoñen permitiría regular tamén o transporte de mercadorías en bicicleta, "importante para un sector como o do reparto a domicilio de paquetería en bicicleta, que vive nunha situación de incerteza ao non estar autorizados os carriños ou esas bicicletas de carga co cesto na parte de diante". 

TRAMITACIÓN COMPLEXA

A intención dos socialistas é levar a iniciativa ao pleno da corporación, sen poder precisar en que data, xa que, ao tratarse dunha proposición normativa, "ten un trámite algo máis complexo", pois precisa de diversos informes dos servizos municipais

 "Unha vez informada, levarase a Ppeno e, se hai unha maioría suficiente, quedará automaticamente aprobada a modificación da ordenanza de mobilidade. Nós agardamos, ao igual que Pedaladas, que haxa un voto, non maioritario, senón unánime", aclarou Puentes.