Unha total tranquilidade. É a mensaxe que quixeron trasladar os membros do goberno municipal de Sanxenxo, agora convertidos en tripartito tras a dimisión do edil de Cultura, Roberto Carlos Agís, anunciada no pleno do pasado luns.
Gonzalo Pita, que compareceu en rolda de prensa acompañado dos concelleiros de SAL, PSdeG-PSOE e BNG, sinalou que o executivo local vai seguir funcionando "con absoluta normalidade".
As atribucións que tiña delegadas o edil de Sanxenxo Pode, as de Cultura, Festas e Mocidade, quedaron repartidas entre os demais membros do tripartito, polo que "non se van a resentir en absoluto os servizos das áreas que levaba".
Ademais, Pita aclarou que esta dimisión non provocará "cambios nin retrocesos" na programación que xa estaba prevista nestas tres áreas de goberno.
Así, a área de Cultura será asumida pola edil de Educación e Benestar Social, a nacionalista Sandra Fernández Agraso; mentres que Festas e Xuventude integrarase na concellería de Turismo e Deportes, Jesús Sueiro (SAL). A estes cambios súmase unha reestruturación da área de Comercio, repartida actualmente entre dous edís, e que asumirá o edil de Economía, o tamén nacionalista David Otero.
O alcalde mostrouse "convencido" de que a xestión do goberno municipal "estase facendo ben" e que o sentir xeral da cidadanía "así o está a manifestar".
Gonzalo Pita quixo agradecer, iso si, o traballo realizado por Agís durante o seu case dez meses como concelleiro do grupo de goberno. Tras o seu paso á oposición, o rexedor espera que continúe colaborando co goberno municipal e poidan acordar con el tanto propostas que presente desde as súas novas responsabilidades como as que se impulsen desde o Concello.
"Tranquilízanos que non vaia a propiciar un cambio de goberno, senón que simplemente se aparte do goberno polos motivos que el mesmo explicou", engadiu o alcalde.
Pola súa banda, o portavoz do BNG, David Otero, destacou que o tripartito conta con "suficiente capacidade" para seguir desenvolvendo o seu labor de goberno e sinalou que, a pesar da súa dimisión, o edil de Sanxenxo Pode "segue na mesma sintonía" que os membros do tripartito á hora de "renegar" dos 16 anos de goberno do PP no municipio.
Coral González Haba, edil do PSdeG-PSOE, engadiu que Agís era un "pilar fundamental" do goberno municipal, a pesar de que o seu "temperamento" nalgún momento "pudo ser un hándicap". A pesar diso, destacou o "aire fresco" que deu á súa concellería e o traballo que realizou nestes meses. "Yo particularmente le voy a echar mucho menos", afirmou na rolda de prensa.