A obra que cambiará o aspecto da Avenida de Ourense, humanizando a beira pegada aos edificios e reordenando o tráfico, está cada vez máis preto.
A corporación municipal de Marín aprobou o trámite esixido polo Ministerio de Transportes, que investirá 1,12 millóns de euros nesta remodelación integral. É dicir, aceptou asumir a titularidade do vial e no futuro terá que velar polo seu mantemento e conservación.
Esta obra de humanización busca aumentar a seguridade dos usuarios, reducindo a saturación do tráfico e reordenando o estacionamento e o ancho e a accesibilidade das beirarrúas, beneficiando así todos os baixos comerciais que se atopan nesta beira da avenida.
Ademais, rehabilitarase o firme na estrada, actualizando a señalización horizontal e vertical, construirase unha glorieta á altura do estaleiro de Nodosa (punto quilométrico 5+050) e renovarase a iluminación, para seguir apostando pola eficiencia enerxética.
PLAN DE PROTECCIÓN
Por outra banda, o concelleiro de Urbanismo, Manuel Santos, asinou o convenio de colaboración co Fondo de Cooperación que subvencionará con 302.500 euros a redacción do Plan Especial de Protección.
Este documento rexerá a normativa urbanística para dúas zonas da vila que requiren dun especial tratamento a nivel urbanístico para garantir a conservación da súa esencia e do patrimonio, o centro histórico e o barrio de Cantodarea
Ata o momento, nestes espazos só está permitido conservar e manter o que xa está construído.
O prazo de redacción do plan é de entre 3 e 4 anos, xa que se vai realizando un plantexamento parcela a parcela, e estímase unha inversión necesaria de 200.000 euros para realizar este labor.